En galego, afora e sempre, en Parada de Sil

Publicado: 17 abr 2026 - 01:40
En galego, afora e sempre, en Parada de Sil.
En galego, afora e sempre, en Parada de Sil. | JOSÉ PAZ

O próximo domingo día 19, ás 11.30 na igrexa de Santa Mariña de Parada de Sil celebrarase outro acto máis de restauración da memoria lingüística promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e o Concello. Homenaxearase ao veciño Xosé Campo falecido hai anos, substituíndo a súa lápida mortuoria escrita en castelán por outra en galego, idioma no que sempre se expresou en vida.

De todos é ben sabido que os epitafios da maioría das lápidas mortuorias nos cemiterios de Galicia están escritos en castelán, desvirtuando asi a identidade cultural galega. Restaurar esta anomalía cultural é unha tarefa urxente para que a lingua dos camposantos, que son espazos da memoria, estean en harmonía co idioma maioritario dos habitantes.

Este acto é a resposta do Concello de Parada de Sil ao compromiso asinado o pasado mes de novembro en Bande; unha convocatoria ben significativo do municipalismo galego enmarcada na iniciativa “En galego, agora e sempre”. Por primeira vez na historia de Galicia unha deputación provincial convocou aos concellos da provincia a participaren na galeguización da memoria dos defuntos. A Lei de Normalización Lingüística obriga ás corporacións locais a fomentaren o uso da lingua galega en todos os ámbitos da vida social. O número de rexedores e rexedoras municipais que acudiron foi moi significativo. Pódese visionar o acto mencionado en la web galeguizargalicia.gal.

Aquel día procedeuse á galeguización do panteón propiedade da familia de don Miguel A. Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, cuns versos que o poeta Celso Emilio Ferreiro lle dedicara ao boticario de Bande don Ildefonso Santalices de tan grata memoria para as xentes da fronteira e promotores da cultura galega dos que el foi figura senlleira.

Aos asistentes ao acto entregaráselles unha copia dun modelo de Declaración de Vontade Individual nas que os asinantes declaran que chegada a hora do seu pasamento

Desta volta no acto de Parada de Sil, como xa se dixo, será homenaxeado don Xosé Campo, un veciño que combinou a agricultura de subsistencia cun taller de carpintería. Despois de xubilarse don Xosé empezou a facer tallas de madeira e figuras de barro, que foi colocando esparexidamente en distintos lugares do Concello. É da súa autoría un belén de grandes dimensións, admirado polos veciños e xentes da contorna que acuden a visitalo todos os anos polo nadal.

O Concello quere aproveitar esta ocasión para render tamén homenaxe póstumo aos veciños e veciñas falecidas colocando na porta do cemiterio unha placa que di: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. Con ela preténdese facer un chamamento á veciñanza para que muden as lápidas dos seus seres queridos escritas nunha lingua na que nunca falaron. En lingua galega son máis recoñecibles as súas memorias.

Aos asistentes ao acto entregaráselles unha copia dun modelo de Declaración de Vontade Individual nas que os asinantes declaran que chegada a hora do seu pasamento, queren que todo o relativo ás súas exequias se realicen exclusivamente en lingua galega, e, xa que logo, pídenlles ás familias, autoridades relixiosas e civís, que os actos funerarios se oficien en lingua galego. Asinar esta manda testamentaria é a mellor maneira de garantir que as súas memorias queden refletidas na lápida do cemiterio.

Agradecemos ao Concello de Parada de Sil a celebración deste acto, nomeadamente ao concelleiro de Cultura, Paco Magide, e o alcalde, Aquilino Domínguez, e animámolos a que sigan realizando en todas as parroquias actos desta índole.

Contenido patrocinado

stats