Julián Pardinas Sanz
Frases cínicas, discursos sensibleros… inacción
CASTELLUM HONESTI
Asombrado pola cantidade de tópicos que as lendas maledicentes e as linguas viperinas verteron sobre nós, hai uns meses preguntábame un amigo de fóra cómo somos os galegos. Eu respondinlle como adoito facer sempre. Coido que, como norma xeral, somos conservadores xa que non adoitamos acreditar nos experimentos nin nas solucións milagreiras. A experiencia acumulada no noso percorrido histórico ensinounos que os cantos de serea adoitan soar máis fermosos canto máis baleiros de contido están; por iso, preferimos vivir na realidade das cousas, confiados con aquilo que coñecemos e que ten un resultado probado. Non se trata de inmobilismo, tan sequera de medo ó novo e descoñecido, senón dunha forma de prudencia aprendida co tempo e integrada no noso carácter; nesa sabedoría que deixa pouso por que nacendo da observación, crece coa experiencia e se garda na memoria colectiva como herdanza para as xeracións que virán tras de nós.
Asemade, sabemos que as ondas do mar medran pero tamén que, chegadas á orela da praia, tenden a devalar. Neste sentido, aprendemos a mira-lo tempo con perspectiva, sen nos deixar arrastrar polas modas nin polas euforias momentáneas. O paso das xeracións deixou como pegada fonda a certeza de que todo é relativo e que aquilo que hoxe semella definitivo, mañá pode esmorecer. Quizais por iso, tamén desconfiamos dos extremos e escollémo-la vía da medida xusta -a da virtude e o equilibrio aristotélicos-, como forma máis acaída de estarmos no mundo.
Somos galegos de maneira consciente, non por azar nin por casualidade, senón como produto dun conxunto de características que asentaron ó longo do tempo e que callaron nun orgullo sereno de sermos quen somos. A nosa identidade non é impostada nin teatralizada; pola contra, é interiorizada e vivida plenamente. Non se constrúe erguendo muros, mais si asumindo e integrando o novo sen perdérmo-lo tesouro esencial do propio. Consonte a isto, sentímonos donos do noso destino e exercemos con garantías as nosas obrigas e responsabilidades como sociedade. Non entendémo-la nosa autonomía como ausencia de deberes, senón como capacidade de decidir e responder polo que facemos e polo que somos. Esa conciencia de responsabilidade é tamén froito do tempo, da experiencia e dunha asunción madura do noso papel como pobo no mundo.
Amámo-la independencia persoal, esa cativa vida en liberdade que se expresa nunha existencia autónoma, tranquila e estábel, sen algaradas nin exhibicións innecesarias. Concibímo-la liberdade, non coma ruído nin confrontación permanente, senón como unha forma de vivir consonte ás propias escollas, sen interferencias, dentro dunha orde compartida que garante a convivencia en paz. Con todo, se a desgraza bate forte na casa do veciño, esquecémo-lo noso individualismo vital e saímos á rúa para arrima-lo ombreiro. Nese intre, a dor allea faise propia e o que lle acontece ó outro asumímolo coma se nos estivese a acontecer a nós. Esta solidariedade non é un simple xesto excepcional: é unha expresión profunda dun carácter que é quen de recoñecerse no outro.
Vivimos apegados ó noso e -coma o Anteo do poema de Celso Emilio Ferreiro-, recollémo-la nosa forza do contacto coa terra; unha forza representada nos nosos caracteres diferenciais: os costumes, as tradicións, a historia, a cultura e a lingua. A experiencia nos demostrou que cada vez que Galicia se afastou dese contacto, debilitouse; cando volveu a el, recuperou o seu vigor. Por iso, para nós, a identidade é un compás equilibrado que nos axuda a avanzar sen perde-lo norte.
En poucas palabras, nun mundo acelerado e superficial coma o de hoxe, onde todo semella provisional e substituíbel, os galegos apostamos pola continuidade, pola memoria e pola mesura. E non o facemos por teimosía, senón pola fonda convicción de sabermos quen somos e entendermos que só dende esa certeza é posíbel construírmos un futuro con sentido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Julián Pardinas Sanz
Frases cínicas, discursos sensibleros… inacción
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
Somos galegos
Xaime Calviño
LA PREGUNTA DEL DÍA
En Portada, Ourense: Casa de Baños, vieja cárcel, Casco Vello sur... ¡qué gran tour!
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Visitar Zara y robalizas
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este sábado, 16 de mayo
ENCUENTRO DE INDUSTRIA ALIMENTARIA
Rueda implementará medidas “valientes” ante el absentismo
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 16 de mayo
CONCIERTOS Y TRADICIÓN
Madrid ensaya la visita del papa en un nuevo San Isidro