Galeguismo de aceiro

Publicado: 13 may 2025 - 04:25

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Moitas persoas cando se achegaban á militancia activa, hai medio século, axudáballe en boa medida o libro de Nicolai Ostrovski “Así se temperou o aceiro”, xa que nel estaba reflectido o militante exemplar, así como aqueles cidadáns que arrodeaban a nosa vida cotiá, salvando as distancias xeográficas, históricas e do momento en que acontecían. Sen dúbida hai en todo país persoas sobranceiras, militantes exemplares, tan heroicos como Pavel porén cuxas vidas ficaron esquecidas, xa que non atoparon a un Ostrovski e un partido que os erguese como como referente. Entre estas persoas coherentes, egrexias e senlleiras, poderíanse destacar non poucos nacionalistas galegos/as de todas as épocas. Tamén xogou o contexto nalgúns casos dramático.

Entre eles/as quero lembrar a Elixio Rodríguez que naceu o 4 de xaneiro de 1910 en Grou no concello de Lobios, na Baixa Limia, moi preto do campamento Romano de Aquis Querquennis, e morreu o 7 de xullo de 2007. De neno mudouse a Bande onde o seu mestre Xosé Taibo iniciouno no galeguismo. Despois estudo nos maristas en Venta de Baños, Palencia, e Ourense. Xa coa Segunda República foi un dos fundadores das Mocidades Galeguistas en Bande. No ano 2008 fíxoselle unha homenaxe na praza que leva o seu nome na aldea na que naceu, non podía ser menos. El sempre foi unha persoa modesta, vital, capaz de asistir con máis de 90 anos ao Día da Patria Galega, malia que nalgunhas oportunidades o sol abrandaba mesmo os corpos máis novos. Vexamos algunhas das súas contribucións e experiencias ateigadas de valentía e entrega consciente.

Elixio Rodríguez Domínguez mantivo unha relación moi próxima con Pepe e Carlos Velo, con Celso Emilio Ferreiro, con Luís Soto, Castelao, e tamén co grupo de galeguistas que en México editaron a revista “Vieiros”

Participou activamente nas Mocidades Galeguistas, en intres tan decisivos, tanto polo debate sobre o Estatuto (as MG pedían máis) e a campaña que o arrodeou, como polo intenso traballo de proselitismo e a discusión interna entre as distintas tendencias da organización xuvenil do Partido Galeguista. Despois, a insurrección militar, e as bandas falanxistas que tinguiron de vermello o Monte Furriolo, coa sangue de defensores da República e o Estatuto: estes feitos dramáticos non foron alleos a súa persoa, xa que por dúas veces estivo a piques da morte. Ingresou na Lexión Estranxeira pra salvar a vida, pasou despois ao Exército e participou como aviador na guerra. Na primeira oportunidade fuxiu ao lado republicán, no ano 1937, máis unha estivo a piques de ser fusilado, pola desconfianza que xeraba súa deserción nos mandos e unha imprudencia da súa parte.

Participou o resto da Guerra Civil formando parte do exército da República e unha vez que esta rematou estivo refuxiado en Francia, de onde marchou a México no ano 1939 no barco de refuxiados Ipanema. Neste país de América Latina estableceríase definitivamente, casou con Gloria, tería fillos, e comezaría unha nova xeira, aínda que seguiría sempre vinculado á resistencia antifascista e ao nacionalismo galego. No libro autobiográfico “Matádeo mañá” relata dun xeito ameno, emotivo e reflexivo, as súas memorias sobre toda esta etapa, así como a relación casual cun grupo de cubanos que estaban preparando a revolución contra a ditadura de Batista, e que recibirían instrución militar do coronel exiliado Alberto Bayo.

Elixio Rodríguez Domínguez mantivo unha relación moi próxima con Pepe e Carlos Velo, con Celso Emilio Ferreiro, con Luís Soto, Castelao, e tamén co grupo de galeguistas que en México editaron a revista “Vieiros”, proxecto no que tomou parte. Destas etapa podemos lembrar a Florencio Delgado Gurriaran e Roxelio R. de Bretaña. Participou no Congreso da Emigración Galega en 1956 en Bos Aires. En poucas verbas, unha vida intensa, sempre ao servizo da causa galeguista (nacionalista), da patria nunca esquecida malia a lonxanía do exilio; a morriña tira moito.

Contenido patrocinado

stats