Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Como é obvio, nunca ardeu unha hectárea nin en Galicia nin en ningún sitio. Porque unha hectárea é só unha medida. E o propia medida non achega excesiva información, a non ser que, implicitamente, teña detrás un concepto claro. Por exemplo, se digo que a Vigo hai cen quilómetros, non fai falta que aclare “de distancia”, porque o propio quilómetro, é só e sempre de distancia... Pero a maioría da medidas son máis flexibles. Se digo que un home bebeu un litro, estou no imposible de beber unha medida, porque a tal é, digamos, polivalente, e aí non entra en xogo a metonimia, recurso lingüístico que permite a designación dunha realidade por outra, por proximidade, etc. tipo “beber un vaso” ou “un ribeiro” sen que sexa preciso dicir “viño”. Pero un pode medir litros de calquera líquido -auga, leite, cervexa, gasolina, augardente...- e incluso doutros elementos como o “humus” que se vende para as plantas nos viveiros e nos “Todo a cen”, e vén en sacos de 10, 20 ou 70 litros. Como vostede ben entende, se resulta que se o litro bebido polo home é de auga, augardente, gasolina ou humus os efectos para a súa saúde serían, probablemente, distintos. Ou sexa, á pura medida hai que pórlle apelido para que teña valor.
E iso vén a conto, da información coa que nos abouxan nos veráns só do número de hectáreas ardidas no que nós chamamos “lumes” ou “incendios” e que os nosos parentes brasileiros chaman “queimadas”.
Non vou dicir que non me preocupen os incendios forestais (florestais, din no sur), madia leva, pero sobre todo no que ten que ver de risco para as persoas, vivendas e gasto. Xa saben que o monte está invadindo o país. A masa vexetal descontrolada (toxos, xestas, mimosas, piñeiros...) inza polo país como as silvas nos edificios arruinados. Non é preciso sequera mirar as fotos aéreas dos voos americanos dos anos corenta e cincuenta e cotexalas coas máis recentes. Simplemente hai que botar man da memoria e ver como a vella e fermosa secuencia paisaxística das aldeas -casa, horta, froita, cereal, viña, prado, monte- que víamos ao viaxar polas estradas, está substituída pola perigosa intimidade casas-monte que vemos ao lonxe ao ir polas autoestradas. Cando a xente deixa de traballar a terra e o mato descontrolado invade todo, increméntase xeometricamente o risco para o fundamental, persoas e casas. E por nada do mundo se poden arriscar vidas de bombeiros ou civís e tamén, hai que controlar gastos.
E igual que como di o dito non se poden confundir allos con bugallos ou allos con cebolas, non podemos mesturar hectáreas de superficie de carballos ou castiñeiros con hectáreas de toxeiras ou xesteiras de monte baixo
Uns datiños. Uns dous millóns de hectáreas -dous terzos do terreo que ocupa Galicia- son forestais; nunca houbo tanto monte. Delas, 1,4 millóns están arboradas, e avanzan as que dispoñen de instrumentos de xestión e ordenación, pasando na actualidade de 550.000, cumprindo de sobra os obxectivos marcados para este ano no Plan Forestal autonómico. Ou sexa, aínda a pesar do avance, a inmensa maioría da superficie está sen mecanismos de ordenación. Ou sexa, o monte segue a monte.
Por iso, fóra a imprescindible prevención, a xestións dos incendios ten que ser moi diversa: que ameace casas, carballos ou castiñeiros, plantacións organizadas de piñeiros ou eucaliptos, toxeiras, xesteiras ou monte baixo, etc. A preocupación da maioría, creo, é moi distinta nuns casos e noutros. E igual que como di o dito non se poden confundir allos con bugallos ou allos con cebolas, non podemos mesturar hectáreas de superficie de carballos ou castiñeiros con hectáreas de toxeiras ou xesteiras de monte baixo, sen interese comercial nin económico... Por iso que o mesmo afán “apagatorio” nuns que noutros parece parte do negocio do lume. Ou sexa cómpre menos paixón pola medida é máis polo contido. Inda que todo é comida, non é o mesmo unha vieira ca un goffre, nin unhas pipas ca uns percebes. Nin un carballo que unha carqueixa. Que non nos engane o fume, por parecido que sexa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior
OBRAS Y SOCAVONES
Ourense, la ciudad de las vallas infinitas