Galicia; da universalidade á calidade

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 17 may 2025 - 00:05

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Como acontece cos pobos que teñen unha conciencia profunda da súa identidade e manifestan a vontade consciente, ó tempo que inequívoca, tanto de conservala como de abrila ó mundo, os galegos sempre demostramos posuír unha marcada vocación de transcende-lo tempo e o seu polígrafo, a historia. Por este motivo, puxemos en actividade tódalas nosas capacidades e creamos, co auxilio dos séculos, unha cultura propia. E cando digo creamos é, no sentido literal da palabra, creamos. Consonte a isto, a cultura galega, e a súa maior expresión que é a lingua, representa ese edificio robusto que define hoxe o noso ser diferencial e nos outorga un papel no mundo ó tempo que, coma corolario, nos garante esa cobizada transcendencia.

Adóitase dicir que hai frases que condensan épocas e expresións que serven coma síntese das mesmas. Neste sentido, “Galicia, célula de universalidade” foi, nun intre esencial do noso devir colectivo, unha desas frases. Non era un slogan nin unha mensaxe comercial prefabricada, senón unha aseveración que levaba parella unha gran carga política e cultural de fondo; unha afirmación tácita da capacidade que Galicia posúe para ser, para crear e mais para reivindicarse; en resumo, a idea de que, desde as súas características particulares, a nosa terra podía participar no mundo en pé de igualdade con outros pobos.

Polo tanto, “Galicia, célula de universalidade” non era só unha aspiración simbólica, senón que encerraba unha proposta moi concreta: Galicia podía e debía achegar ó mundo unha visión propia, nacida da súa particularidade territorial, da súa historia e mais da súa experiencia colectiva.

Seguindo o fío de continuidade marcado polo atlantismo do cenáculo ourensán, nomeadamente Vicente Risco, e polo europeísmo militante da revista “Nós, boletín da cultura galega”, aquel lema acuñado polo Partido Galeguista nos falaba, e a algúns coma min aínda o fai hoxe, dunha Galicia que se afirmaba politicamente con entidade propia, con cultura e con lingua, con memoria e historia e, sobre todo, con vontade de ser ela mesma en tódolos aspectos da súa vida. Polo tanto, “Galicia, célula de universalidade” non era só unha aspiración simbólica, senón que encerraba unha proposta moi concreta: Galicia podía e debía achegar ó mundo unha visión propia, nacida da súa particularidade territorial, da súa historia e mais da súa experiencia colectiva. Era a Galicia que ofrecía a súa peculiariedade política e cultural para engorda-lo rico tesouro da biodiversidade humana, tanto na súa vertente material coma inmaterial.

Porén, os tempos evolucionan e mudan, e con eles aparecen novas formas de estar e mostrarse ó mundo; isto é, de ser nel. A este respecto, a proxección actual de Galicia aparece englobada noutras fórmulas: o Camiño de Santiago e a “Galicia Calidade”. Hoxe en día, o Camiño Xacobeo é moito máis ca aquela peregrinación relixiosa inicial. Pasado o tempo, converteuse nun fenómeno global que reflicte unha pluralidade de experiencias e razóns para emprendelo; dende o desexo de introspección persoal até a sinxela curiosidade cultural. Asemade, na súa vertente turística, permite unha proxección integral do noso país e a súa variedade.

No que atinxe a “Galicia Calidade”, naceu no ano 1994 como unha marca da Xunta de Galicia para dar unha visibilidade a todos aqueles produtos e servizos elaborados en Galicia ou ben a aqueles que usan materias primas ou un deseño galego. Emporiso, hoxe en día a tendencia é asumila tamén como unha expresión que posúe un valor e unha intención concretas na medida que fala dunha terra que quere ofrecer ó mundo o mellor que ten: os seus produtos, os seus servizos e o seu talento; en poucas verbas, o seu selo propio. Deste xeito, Galicia non se presenta ó mundo só coma un suxeito político e cultural, senón tamén coma un territorio produtivo orixinal, competitivo e exportador.

Contenido patrocinado

stats