O gran éxito de Nadal

TRIBUNA

Publicado: 25 dic 2025 - 15:30

Fotograma de “Chimenea en tu hogar”, o insospeitado éxito de Netflix.
Fotograma de “Chimenea en tu hogar”, o insospeitado éxito de Netflix. | La Región

Nestas datas, como cada ano, as películas de Nadal son as protagonistas da carteleira do cinema comercial e aparecen nas propostas máis destacadas das plataformas dixitais. Hai moitas películas de animación. “Misión Santa”, “La gran Navidad de los animales”, “El rey de reyes”, ou a xoia francesa “Little Amélie”, son as máis salientables nas salas. Pero non só. Hai cine de ficción e incluso documentais. Nas plataformas dixitais podemos elixir entre clásicos como “¡Qué bello es vivir!”, bastantes comedia - moita romántica - ou películas para vivir un Nadal alternativo como o de Bill Murray, Scrooge moderno en “Los fantasmas atacan al jefe”, ou tomando copas xunto con Billy Bob Thornton disfrazado de Papa Noel, mentres planeamos un roubo nun centro comercial da soleada Los Ángeles de “Bad Santa”, ou rirnos de medo cos “Gremlins” de Joe Dante. A maioría das películas de Nadal – incluso ás máis alternativas – son para todos e todas, son filmes feitos para ser disfrutados en familia.

A obra de George Ford pode considerarse a última fronteira do cinema de Nadal

Para un director de cine, facer unha película de Nadal pode significar acumular unha gran fortuna. Un éxito de Nadal é atemporal. Cada ano retransmítense por televisión. Pero coa chegada das plataformas dixitais cada espectador pode elixir de volver a ver estes clásicos aumentando exponencialmente a súa audiencia.

Estou case seguro que a maioría das persoas non saben cal é, hoxe en día, o maior éxito de Nadal, nin cal é o seu director. Podemos intentar imaxinalo... Cada un terá a súa reposta. Pero a obra cinematográfica máis vista nesta época, un ano máis, non é a fabula hollywoodiana dirixida por Frank Capra, nin o pesadelo animado de Tim Burton. Tampouco na cima desta árbore atoparemos a Macaulay Culkin, o neno da moi popular Solo en casa de Chris Columbus.

O director máis xeitoso destas datas chámase George Ford. Sí, un ano máis o mellor filme de Nadal, o máis visto, segue sendo a película “Chimenea en tu hogar”, un plano secuencia duns troncos de madeira ardendo durante máis de sesenta minutos.

A obra de George Ford pode considerarse a última fronteira do cinema de Nadal. Ford elevou este xénero aínda máis arriba, só co lume e coas cinzas, cun extenso plano secuencia que nin Angelopoulos, Sokúrov ou Tarkovski atrevéronse a filmar. George Ford é o Fellini do lume, o Coppola da combustión, o Orson Welles da madeira.

E “Chimenea en tu hogar” é unha experiencia visionaria que eleva o salvapantalla á experiencia artística, convertendo o teu televisor nunha instalación museística.

En Netflix xa podedes disfrutar da triloxía completa de Ford: “Chimenea chisporreantes de leña”, “Chimenea chisporreante” e “Chimenea chisporreante con música”. Esta última, en realidade sen demasiada chispa, é a máis comercial da saga. Pero resulta ser a máis vista nos hoteis. Ademais as imaxes soen acompañar de fondo, con notas de abedúl e villancicos, moitas comidas familiares.

Ao director tampouco fáltalle retranca. O imperdible tráiler de “Chimenea chisporreante” estaba acompañado por unhas reseñas críticas deste estilo: “Chorei cando o fogo extendeuse ao outro tronco” ou “porqué non hai subtítulos en español?”. A pesar deste éxito impresionante, o cineasta residente en Longview, Washington, segue tomándose todo con humildade. Aínda considérase un ‘artesán do audiovisual’. Un simple filmaker que se pasa boa parte do ano pateando bosques na procura da madeira perfecta para alimentar os nosos lumes vía streaming.

Na espera de que alguén se atreva a dirixir un documental sobre George Ford, ese director que volveuse asquerosamente rico gravando uns troncos de madeira, ou incluso unha serie documental surrealista que, ao mellor, poderían dirixir os creadores de Tiger King, deséxosvos felices festas. Sempre acompañados pola calor virtual destas pezas de cine verité, sen diálogos, e que, seguro, tamén quentarán o corazón dos cinéfilos máis sarnosos.

Contenido patrocinado

stats