A Gudiña: Sebastián de Aparicio, Beato

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Dende o verán, o concello da Gudiña e contorna están sendo noticia para mal. Noticias derivadas da retirada das frecuencias do tren na estación. O contraste, tralo cabreo e as conseguintes reivindicacións veciñais, atopámolo na información de La Región do xoves 26 de febreiro: “Fe y devoción en A Gudiña para honrar al beato Sebastián. Sebastián de Aparicio fue ayer protagonista en As Frieiras en su día grande: el 25 de febrero”. Para moitos é un descoñecido, Sebastián de Aparicio. Realmente a vida do beato (1502-1600) é coñecida ao pouco do seu pasamento, xa que a súa fama de santidade divulgouse tanto que chegou aos oídos de Felipe III, que en 1603 -tres anos despois- escribe ao bispo de Tlaxcala, Diego Romano, para que o informe da súa vida e milagres. O caso é que Sebastián de Aparicio nace na Gudiña (Ourense) en xaneiro de 1502 e morreu en Puebla (México) no 1600. De pequeno, na Gudiña, aprendeu pouca ilustración -non aprendeu ben a ler e a escribir-, pero moito dos labores da agricultura e gandería; estando marcada a súa vida por ter dons, habilidades, sorte… ata protección divina. Pena que non vivira para obrar o milagro de recuperar o servizo ferroviario.

En 1533 cruza o Charco. Chega ao porto de Veracruz aos 12 anos de ser conquistado por Hernán Cortés. Dotado dun enxeño pouco común, en 1535 pensa que hai cousas importantes que facer e convértese no primeiro empresario de transportes, construtor de carreteiras e “enxeñeiro de camiños”. Deste xeito, en 1535, comeza a construir o camiño de Veracruz a México, pasando por Puebla, ata que rematou no 1542. Cos seus máis de 400 quilómetros, vaise converter no primeiro camiño colonial de América. Trasládase a México e, pola importancia que tiñan as minas de prata descubertas facía pouco, solicita permiso para iniciar a construción dun novo camiño de rodaxe de máis de 550 quilómetros, que chegaba ata Zacatecas. Tras 18 anos de facer carreteiras, pontes e camiños, xa rico recoñecido, vaise dedicar a partir de 1552 a criar gando no seu rancho de Chapultepec, cerca de México.

O beato Sebastián endexamais consentiría o recorte de servizos, que non fai outra cousa que converter A Gudiña e territorio de influencia nunha comarca rural sociolóxicamente inequitativa

Cando conta con 70 anos, contrae unha grave enfermidade. Sen descendencia, cumpre coa promesa feita ao señor dos ceos se o curaba, doando todos os seus bens -valorados en 20 mil pesos- ás clarisas de México en 1573, e entra nese convento de criado, facendo de todo. Tiña unha relación especial e de entendemento con todos os animais e bestas. Unha vez, o padre superior ordenoulle carrexar pedra do río nun mulo que ninguén puidera domesticar nin achegarse sequera a el. O beato acercóuselle e faloulle dicíndolle que era preciso traballar e portarse ben, e o animal someteuse á obediencia. Se hoxe vivira, ata o ministro Puente obedecería para manter o servizo do tren como estaba hai un ano.

Santo peculiar, para comprendelo temos que encadralo no contexto da Contrarreforma da Igrexa e o seu valor colonizador, afirma o historiador Jesús de Juana. O certo é que Sebastián pasa por ser o primeiro construtor de carreteiras en México, sendo o patrón dos condutores do país azteca. Segundo o exalcalde de A Gudiña José María Lago, está incorrupto en Puebla, e cada ano cámbianlle o hábito e o venden.

Con tanto bo facer e milagres do beato Sebastián de Aparicio, e xa que está incorrupto, e ademais é un recoñecido entendido en infraestruturas e comunicacións, sería a santa solución para recuperar as perdas da frecuencia de servizos da estación do pobo no que naceu. O beato Sebastián endexamais consentiría o recorte de servizos, que non fai outra cousa que converter, A Gudiña e territorio de influencia, nunha comarca rural sociolóxicamente inequitativa. Imploremos a Sebastián de Aparicio a que solucione semellante navallada. El non o consentiría. Fe e devoción continúan procesándolle aínda hoxe na Gudiña. E xa que estamos en Semana Santa, é unha santa ocasión, ao igual que Cristo fixo a entrada triunfal e o conmemoramos, que o ministro Puente celebre a resurrección dos servizos perdidos na Gudiña.

Contenido patrocinado

stats