A Gudiña somos todos

Publicado: 07 jun 2025 - 00:35
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

O sábado pasado pola mañá fun a Madrid. Vou pouco, coma case todos. Pero fomos unha embaixada familiar á graduación do sobriño Xaime -felicidades por ese dobre grao en Dereito e Relacións Internacionais- e volvemos á tarde. O caso é que saímos ás oito menos cuarto e levou a viaxe menos de tres horas. Parou o Avlo na Gudiña, Sanabria, Zamora, Medida del Campo, Segovia antes de Madrid. E saímos de volta, desde a estación de Chamartín das Obras -ímoslle chamar así- ás 17:08 e antes das 19:50 xa estabamos na casa. En todas as paradas, ida e volta, subiu e baixou xente. Que para iso están. E pensei que deberían parar así todos os trens, por coherencia. Porque, a verdade, é que estou bastante cheo das reivindicacións ocas e contraditorias e esta, é pura necesidade.

E vou botar man de Martín Luther King e de John Kennedy, para dicir co primeiro “Teño un soño...” e co segundo “Non penses o que pode facer o teu país por ti. Pensa o que podes facer ti polo país”. Pois si, o meu soño é que xente arrime o ombro. Vamos ver, ¿é razoable pedir que o tren sexa máis rápido -sen paradas intermedias, único xeito- para despois queixarse da España vaciada e facer sobre o tema congresos, observatorios, comisións e traparratrá variado, caro e inútil? Non parece.

Queremos o máximo respecto á ecoloxía e non nos importa que a vía do AVE de Seixalbo a Ourense estea pensada furando Montealegre

O que podemos dicir é que chegar a Madrid desde Ourense en menos de tres horas é suficiente, e dando mellor servizo ás comarcas por onde pasa o tren. Imaxinen que a Autovía a Vigo non tivese ningunha saída intermedia. Ou que na de Madrid, non se puidese parar, como na vella da Alemaña Federal a Berlín. Sería un disparate, non é? E unha maldición para todos esas aldeas e vilas que achegaron as súas terras e que simplemente soportarían as consecuencias negativas. [O ano pasado coincidín nun encontro sobre Afonso X na Veiga con xente de toda España, e alucinaban algúns que por horarios imposibles, ter que ir desde alí a Ourense, pasando pola Gudiña, claro -142 km, dúas horas, case- para coller o tren a Madrid... que pasaría, sen parar, pola Gudiña]. Non. Non podemos pedir o duro e as cinco pesetas. Se queremos contribuír a fixar poboación no rural, debemos involucrarnos desde o que poidamos facer cada un de nós. E unha das cousas é dicir que xa está ben de présas. Chegar a Madrid, en menos de tres horas, está ben; chega. Non se trata de ir nun foguete insolidario e pasar por riba dunha España “oca” de comunicacións, por chegar uns minutos antes. Non señores, máis calma e vagar.

E si, reivindicar cousas opostas dásenos ben. Queremos enerxías limpas, pero non muíños de vento. Queremos ter onde aparcar os coches, pero non que se fagan parkings. Queremos o máximo respecto á ecoloxía e non nos importa que a vía do AVE de Seixalbo a Ourense estea pensada furando Montealegre, avantando o río Loña, furando os montes de Velle á altura do castro de San Tomé e entrando en curva por riba das piscinas de Oira. Un disparate. E todos calados coma petos.

E si. Hai que pensar ben o de Altri. Hai que ponderar as opinións dos técnicos ao servizo dos cidadáns na administración e afastarse das cuestións politiqueiras. E no posible, propiciar que se poidan implantar industrias no rural e fixar poboación. Moita da defensa da natureza véxoa enraizada en certo postureo urbanita. ¿Subiron vostedes a algún outeiro para ver como a marea verde do monte -e xa saben o que é “estar a monte”- avanza sobre o que antes eran terras de cultivo e pasto para gando, ou sexa, actividade e vida? Hoxe o monte ocupa xa máis da metade da superficie de Galicia, e hai, máis ca nunca na historia, 1.824 millóns de árbores, das que máis da metade teñen menos de 7’5 cm de diámetro. En fin. Ese é outro tema, claro. Pero na Gudiña deben parar cantos máis trens, mellor. É cousa de todos.

Contenido patrocinado

stats