¿Hai alguén aí?

Publicado: 07 dic 2024 - 00:00

Seguramente sí, pero descolocados. Sempre que chega esta “ponte” recordo que era unha data obrigada para coller o andante e airear a cabeza, era o momento de achegarse ata a Praza Maior madrileña, onde Ana Botella deixou para a posteridade a frase lapidaria “relaxin cup of café con leche” para promocionar a capital de España de cara á organización dunhas olimpiadas, que ao final non puideron ser.

En Madrid tocaba sempre mercar algunha figuriña artesá de barro para ir completando o Belén; agora sería impensable facelo vendo as imaxes que nos chegan, con rúas e prazas ateigadas de xentes chegadas de todo o País e que colapsan a Porta do Sol.

Estes tempos de democratización do turismo de masas traen este tipo de incomodidades e moitos optamos por quedarnos na casiña; iso sí, nunha cidade, Vigo, que tamén tén a súa Porta do Sol, e con este invento das “Luces de Nadal” chea de turistas chegados de moitos puntos da Península, pero fundamentalmente do noso País veciño. Ás veces é difícil pasear pora rúa do Príncipe e escoitar outro idioma que non sexa o portugués; téñennos invadidos como nós levamos moitos anos invadindo a súa Rúa Catarina de Oporto ou a fermosa “Baixa” ás beiras do Douro, que tamén sofren a saturación de todos os seus visitantes. Hai días que tanto en Portugal como aquí é imposible camiñar sen risco de ser atropelado por algunha excursión de señoras de Palencia; e non vou entrar nesa polémica que xorde cada ano, que se a noria e os “cochitos” impiden as entradas aos garaxes dos veciños que viven en torno á Alameda, que se o ruido, ou que se o tráfico a partires das seis da tarde é insoportable polas rúas do centro. Como en todo, o que para uns é unha fonte importante de ingresos para outros é un tremendo incordio. Nestas datas, cando volvo de Allariz os domingos pola tarde procuro facelo con tempo suficiente, non me vaia pillar unha desas caravanas de entrada a Vigo que poden chegar ata a Ponte de Rande.

Mesmo se é unha “mariscada” de nécoras que falan francés, e que se non teñen o sabor marabilloso da Ría, déxixanse querer e a un prezo razoable

Moitos botamos de menos aqueles tempos, non hai tantos anos, nos que podías gozar de luces, mercadillos e fermosos Beléns diante dos que te podías recrear tranquilamente vendo o traballo feito polos artesáns. Pero iso é egoismo puro e duro, todo o mundo ten dereito a disfrutar de días como estes e ogallá houbera unha fórmula para dosificar o aluvión humano, pero témome que iso xa é imposible porque o que maís e o que menos bota man da carteira para darse algún capricho. Mesmo se é unha “mariscada” de nécoras que falan francés, e que se non teñen o sabor marabilloso da Ría, déxixanse querer e a un prezo razoable.

E os que aquí quedamos sen pelexarnos con Ryanair polo tamaño da maleta coa que antes viaxabamos sen problemas de peso e sobrecusto, aproveitamos para sair da casa a esas horas nas que aínda é posible camiñar sen demasiado problema, porque xúrolles que a cousa estase poñendo moi complicada, con conductores desesperados sen poder aparcar en ningúres ou os que estivemos retidos diante dos escaparates do Corte Inglés media hora sen poder percorrer nin un metro. Ben é certo que ese día en concreto era “feriado” en Portugal e nin lles conto a que se liou. Un traxecto ata Bembribe que normalmnte me leva quince minutos converteuse nun calvario de case unha hora. Todo sexa por ese epíritu navideño do que xa queda pouco.

Contenido patrocinado

stats