De Halloween a Samaín

Publicado: 02 nov 2024 - 00:33

Se xa antes agardabamos polos tempos do Entroido como auga de maio, hoxe facémolo varias veces ao longo do ano, con calquera excusa válida para festexar todo o festexable e se pode ser “travestidos” moito mellor. E atopamos nesta fin de semana unhas novas datas nas que desempoar a vestimenta cal tesouro, ou volver pasar polas tendas especializadas para volver encher as rúas de “Freddy Crueger”, “Chucky”, ”Jason Voorhees”, esqueletos, zombis, e todo canto nos recorde ás películas máis sanguentas da historia do cine.

Aquí é onde podemos facer un seguimento de por onde van os gustos dos máis novos, cando elixen os seus disfraces para celebrar o Samaín na xornada escolar que, sen estar declarada como festiva, si que se celebra como tal.

Neste mundo globalizado todo comezou por imitar as esceas do entrañable extraterrestre americano, que tanto nos emocionou e segue emocionando a tantas xeneracións. “ET” é unha desas películas que podemos repetir o seu visionado ducias de veces, enganchados a ela como enganchados seguimos estando a toda canta reposición poñen de “Pretty Woman”, que fixeron que unha prostituta, papel encarnado pola marabillosa Julia Roberts, se convertese ao lado de Richard Gere na “Noiva de América”.

Para os máis novos de por aquí, non cabe dúbida de que películas como a marabillosa “Coco” fixeron que a cultura mexicana se achegase moito máis a nós

E se antes falaba da globalización mesmo en festas nas que os protagonistas son os mortos, está claro que temos que facer parada obrigada na tremenda festa que se celebra estes días, especialmente os días un e dous, para honrar aos seres queridos que xa non están físicamente con nós. Para os máis novos de por aquí, non cabe dúbida de que películas como a marabillosa “Coco” fixeron que a cultura mexicana se achegase moito máis a nós.

E con elo tamén por aquí se pasase de celebrar con moita tristura os “Fieis Defuntos” a unha celebración moito máis lúdica. Ben é certo que sen chegar á desmesura da celebración dos nosos amigos mexicanos, con ofrendas, altares con fotografías, música, talleres, espectáculos de narración, comidas favoritas e recordos dos seres queridos xa desaparecidos, estando felices de que regresen os seus espíritus para vivir coas familias e amigos un día moi feliz e non de tristura, como acto de sanación e alegría.

Está claro que para os nosos nenos e rapazada en xeral a celebración do Samaín é moito máis parecida a eses días de celebración mexicana que cando a miña xeneración pasaba o día enteiro vestido de monaguillo nos camposantos escoitando unha e outra vez os mesmos responsos, onde o párroco facía caixa, a mellor do ano.

A ninguén se lle ocorría disfrazarse de ser horripilante ou visitar as casas pedindo o “Truco ou Trato”, este sí que americanizado, chegado aquí moito antes de que o “Halloween” se popularizase como o noso “Samaín”.

E aquí é onde me documento para saber e transmitir, e mesmo aprendendo nas escolas, que para nós é unha festa gaélica que marca a fin da tempada das colleitas e o comezo do inverno, celebrándose en moitos países celtas, como é o caso da nosa Galicia.

Que os máis pequenos saiban por qué esta fin de semana van disfrazados de personaxes que lembran ao máis alá

Pois o dito, non está nada mal que esta fin de semana se aproveite aquela celebración tan “ianqui” para volver a celebrar o noso, e entre festa e festa, con disfraces, música e recordo dos que xa non están, incluída por suposto a celebración relixiosa para tantos fieis, aproveitemos para poñer cada ano máis en voga unha das festas importantes no noso calendario, e que os máis pequenos saiban por qué esta fin de semana van disfrazados de personaxes que lembran ao máis alá.

Contenido patrocinado

stats