Historia dunha cámara fotográfica

TRIBUNA

Cámara fotográfica “Mamiyaflex”.
Cámara fotográfica “Mamiyaflex”.

Cando nos anos 50 do pasado século José Suárez, o formidable fotógrafo allaricense, viaxou ao Xapón para un traballo que lle levou ata dous anos, foi convidado pola fábrica de cámaras fotográficas Mamiya a unha visita ás súas instalacións. Durante esta visita foi agasallado cun dos modelos da súa gama profesional: unha Mamiyaflex.

Tratábase dunha cámara das denominadas TLR (Twin Lens Reflex, cámara de obxectivos xemelgos). Un destes obxectivos sirve para o encadre e o enfoque e o outro para a toma da imaxe.

Os dous obxectivos “normais” son uns Mamiya-Sekor de 80mm F2.8, pero soamente o de toma ten diafragma, graduado dende F2.8 ata F32.

Este obxectivo de toma incorpora un obturador fabricado por Seiko, Seikosha-S, de tipo central, con velocidades dende 1 segundo ata 1/500 de segundo máis “B”.

Unha das peculiaridades case que únicas en este tipo de cámaras TLR e que esta Mamiyaflex ten un sistema de obxectivos intercambiábeis.

Resulta que un coñecido seu comprara a un drogadicto un “artefacto” que non tiña nin idea de como funcionaba

O sistema de enfoque e por medio dun fol movido por un sistema de gran rixidez que procura moita precisión.

A cámara usa película de formato 120 na que se expoñen doce negativos de 56x56mm. Con un adaptador tamén se poden usar placas do mesmo tamaño.

José Suárez usouna nos seus traballos no Xapón e América do Sur.

Cando Suárez volveu a Ourense vendeu todo o seu material fotográfico e esta cámara foi comprada por un estudio fotográfico da cidade. Os profesionais deste estudio usárona varios anos para os seus traballos, tanto de estudio como de vodas, bautizos, comuñóns... En 1977 decidiron poñela a venda e foi cando pasou ás miñas mans, pero no día de fin de ano de 1981, á noitiña, alguén decidiu que xa desfrutara de abondo dela e forzou unha porta do coche onde a deixara uns minutos antes e a Mamiya cambiou de dono. Fixen correr a voz entre amigos fotógrafos e varios meses despois recibín unha chamada de Mani Moretón. Resulta que un coñecido seu comprara a un drogadicto un “artefacto” que non tiña nin idea de como funcionaba e consultoullo a el. Mani convenceuno de que era roubada e que coñecía ao dono e púxonos en contacto. Compreina por segunda vez ... Na gran exposición que se fixo no Gaiás no ano 2015 e que despois foi a varias cidades polo mundo esta cámara foi exposta con outros cento cincuenta obxectos persoais de Suárez.

Con motivo da declaración como ano José Suárez pola Academia Galega de Belas artes, este mes de abril farase unha gran exposición no Marcos Valcárcel onde se vai mostrar entre outro material persoal de Suárez.

Pablo Gonzalez, Presidente del Ateneo de Ourense

Contenido patrocinado

stats