Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
O ser humano, ó longo da súa existencia, nunca ten deixado de ser un símbolo. En todas as sociedades, desde as máis primitivas ás máis desenvoltas, descríbese ó home como síntese do mundo, un modelo reducido do universo, un microcosmos. Homes e mulleres seguimos a ser o centro. Existen, de vello, analoxías e correspondencias entre os elementos do composto humano e a organización do universo. Para algúns, os nosos ósos teñen algo da terra, o sangue da auga, os pulmóns do aire, a cabeza do lume. Ende ben, para outros, o sistema nervioso está vencellado ó lume, o respiratorio ó aire, o circulatorio á auga e o dixestivo á terra. Tocamos os tres planos cósmicos: ó terreo cos pés, a atmosfera co busto e o celeste coa cabeza. Participamos dos tres reinos, mineral, vexetal e animal.
Zaminaba eu na simboloxía humana, preparando un algo unha conversa que tiña pendente co anxo Atheán: O home de carne e espírito. Defendería il, por suposto, a idea de que estamos feitos a imaxe e semellanza de Deus... “Daquela, Deus modelou ó home con barro do chau e insufloulle no nariz un alento de vida. Fixo así un ser vivo”, como figura no Xénese. Pola miña parte, partindo da tradición chinesa, apelaría a que a individualidade do ser humano resulta ser un complexo que corresponde a certa combinación de elementos. Os compoñentes nunca son absolutos; nin só como espirituais, nin exclusivamente corporais. Repasei, xa que logo, a teoría do yang e do yin. O que o pensamento chinés fundamenta a partir de cinco vísceras e nove buratos. Os dous ollos, as dúas orellas, os dous orificios nasais e a boca, considerados como yang. E as dúas aberturas inferiores, que iles chaman yin. Bastaríame combinar esta teoría coa súa correspondencia, os cinco elementos para establecer un diagnóstico. Tendo en conta as inferiores, adxúdicadas ós riles, as nasais ós pulmóns, os ollos ó fígado, a boca ó bazo e o corazón ás orellas.
Toda natureza resultaría, pois, produto de certa dosificación e dunha combinación, máis ou menos harmoniosa. A proporción de yin e de yang é o que caracterizaría a condición física do home relacionada co cosmos.
Cando cheguei ó meu destino, decateime de que a miña Compostela xa non existía
Agardei un par de horas por Atheán en Compostela. Quedaramos citados, ás dezanove, no Café Derby. Enredeime relendo un libro de Eduardo Blanco-Amor pouco coñecido e moi de actualidade neste 2025: Castelao escritor. Pechei o volume e púxenme a contemplar pola fiestra a xente que pasaba, case todos estudantes moi novos que acudían a un concerto musical na Sala Capitol. Ían en grupellos de cinco e sete persoas. Co aburrimento molesteime en contalos. E así foron transcorrendo as horas... Atheán non se presentou, nin corpóreo, como eu esperaba, nin en forma anxelical. Deixoume prantado. A verdade é´que me defraudou.
Collín o meu coche no aparcadoiro da Praza de Galicia e regresei a Ourense. Durante todo o camiño afastei por completo o asunto que quería debater co anxo. Volvín, co pensamento, ó Santiago dos setenta e dos oitenta do pasado século e milenio. Viñeronme ás mentes persoas e personaxes ós que tratei e frecuentei, algúns mortos, outros desaparecidos da memoria. Tamén espazos da cidade que non volvín pisar desde aquela. Tiven ocasión de rememorar lembranzas que permanecían ocultas dentro de min. Unhas agradables, mesmo simpáticas, outras tinguidas de dor e desespero... Cando cheguei ó meu destino, decateime de que a miña Compostela xa non existía. Non volverei quedar alí con Atheán.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior
OBRAS Y SOCAVONES
Ourense, la ciudad de las vallas infinitas