O imperio da mentira

CARTA AL DIRECTOR

Publicado: 05 sep 2025 - 04:40 Actualizado: 05 sep 2025 - 09:19
Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

Adoitase conceptualizar que vivimos na era da posverdade, un tempo no que a mentira emancipouse de calquera control social. Mais este diagnóstico pode resultar enganoso. Como lembraba Hannah Arendt, a política nunca mantivo unha relación transparente coa verdade; a mentira foi historicamente un instrumento habitual na loita polo poder. O que mudou non é tanto a súa existencia, senón o papel que desempeña nun ecosistema comunicativo fragmentado.

O incremento das falsidades pode ser menos relevante que a transformación do contorno informativo. Cass Sunstein explicou como as cámaras de eco dixitais consolidan crenzas previas en lugar de desafialas. Para Byung-Chul Han na obra Infocracia expón que o exceso de información non trae claridade, senón ruído e desorientación. Jürgen Habermas xa advertira que a esfera pública só funciona se existen mínimos comúns de racionalidade e confianza, hogano en crise.

As chamadas “mentiras manifestas”; a de Donald Trump sobre a asistencia á súa investidura ou a de Nigel Farage sobre os supostos millóns tras o Brexit non buscan convencer, senón exhibir poder. Umberto Eco describiu este mecanismo como unha forma de dominio simbólico: obrigar aos demais a aceptar o falso. Jacques Derrida tamén sinalou que a mentira funciona performativamente, isto é, produce efectos máis alá do seu contido.

Por iso, o fact-checking, malia necesario, é insuficiente. Como observa Lee McIntyre, o problema non é tanto a falta de datos, senón a erosión da autoridade epistémica. A mentira política non pretende ser crida, senón obedecida ou celebrada.

En lugar de idealizar unha política gobernada pola verdade absoluta; ilusoria, segundo Chantal Mouffe, cómpre fortalecer institucións, medios e culturas cívicas capaces de reducir a eficacia simbólica da mentira. Porque, como lembraba Michel Foucault, a verdade sempre é tamén unha cuestión de poder.

Xián Antón Lorenzo Rodríguez

(Ribadavia )

Contenido patrocinado

stats