Insula Vtopía de Alterarte en Monção, Lunaria na Marimón

ARTE ET ALIA

Publicado: 15 jun 2026 - 11:35
Vista da sala coas obras de Mónica Oliveira e Paula Noya en primeiro termo.
Vista da sala coas obras de Mónica Oliveira e Paula Noya en primeiro termo. | La Región

Dende o latín, Sara Donoso, desenrola como comisaria ao servizo da universidade de Vigo a colectiva das Casas-Museo de Monção (Portugal) cos fondos de arte xerados no campus de Ourense pola sala Alterarte. Eis un título-paraugas para gorecer a súa idea dun “laboratorio crítico para mirar o mundo de fronte”, palabras finais do texto de st. Thomas More (=Tomás Moro), “Libellus vere aureus, nec minus salutaris quam festivus, de optimo reipublicae statu, deque nova insula Vtopia (ou “Librillo verdaderamente dorado, no menos beneficioso que entretenido, sobre el mejor estado de una república y sobre la nueva isla de Utopía”, 1516. Mais ter a orde perfecta só é posible dende a insularidade e o non contactar con outros pobos... Donoso, que nestes días inaugurou A illa ignorada dende fondos do CGAC, estrea da nova directora, coordinara para Alterarte “Activar la mirada. Des-ordenar el pensamiento”, 2021/2023, elixindo para Monção tres das súas artistas, Basilisa Fiestras, Mar Ramón Soriano e Natividad Bermejo que acompañan a Enrique Lista, Eme (María López Páramo), Acisclo Novo, Eduardo Valiña, Iván Prieto, Luis San Sebastián, Deebo Barreiro, Mar Caldas, Ofelia Cardo e Jorge e Xabier Varela, que iniciaron a xeira expositiva deste curso con A familia e outras aves.

Unha das lunarias de Trastoy na Marimón.
Unha das lunarias de Trastoy na Marimón. | La Región

E de Estado Crítico 4,12 Curador*s 12 Artistas, 2018/2020, leva a Paula Noya, 2018, cunha instalación que falaba do desenraizamento familiar, un coxín no que ía o dramático poema “Son aquela!”, de María Mariño, título da mostra, cunha morea de cascudas que se estendían pola parede empapelada. No seu lugar vai agora nun cadro a nai de tódalas cascudas. Do mesmo ciclo destaca Soledad Penalta pois a súa obra, “Siluetas de cinza tentan abandonar o círculo“ coa que reflexiona segundo afirmou “sobre a idea do ser, do home, sobre o intento de acadar as metas, a utopía… e a dificultade para facelo”, é a primeira vez que se amosa pois a artista fíxoa exprofeso logo da súa exposición «Utopía ou distopía», 2019. Destaco tamén a Mónica Oliveira, artista portuguesa, que pechou o curso de Estado Crítico 2016/7 con Encruzilhadas, curada por Javier Blanco. De onde a gaiola sen porta que enfrontaba a sobres das cartas que xa non se reciben neste mundo tan dixital. En fin, a utopía como estado de vixilia segundo Donoso.

En fin, a utopía como estado de vixilia segundo Donoso.

Regreso de "artesanista" ferrolán á Galería Marimón

Esther de Blas, recibindo a obra de Soledad Penalta como vicerrectora en 2019.
Esther de Blas, recibindo a obra de Soledad Penalta como vicerrectora en 2019. | La Región

Mauro Trastoy (n. 1971) é un creador plástico que gusta ir máis alá das divisións das categorías creativas para expresarse coa artesanía e o deseño gráfico, ademais da pintura, como agora. Entra de novo así na galería ourensá por terceira vez e desta volta trae unha morea de cadros, óleos sobre tea de pequeno formato, variacións todos da herba de prata ou Lunaria annua, nomeada por Linneo en 1753, de follas redondeadas cunha lámina translúcida, como de nácar, que teño visto de forma recorrente na casa da miña sogra, natural de A Coruña, e agora na da miña filla. Así tamén na casa da nai do artista, planta que segundo dixo tíñaa debuxado decote ata que se lanzou a pintala nunha ampla e obsesiva serie. Semella o canon en re maior de Johann Pachelbel, con vinte e oito variacións...

Contenido patrocinado

stats