Introdución á xeopolítica de Venezuela para populistas ourensáns

Publicado: 08 ene 2026 - 02:05

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Aoperación militar que culminou coa captura de Nicolás Maduro non responde a preocupacións democráticas nin humanitarias, malia o que pretende albiscar a diáspora venezolana e certos sectores ideolóxicos españois, incluídos o alcalde de Ourense e o PP provincial. Washington esgrimiu o narcotráfico como unha única xustificación. Sen mención a eleccións, transición ou a Edmundo González, gañador dos comicios, Trump tan só fincou que “gobernará Venezuela” sen especificar mecanismos nin prazos. A inxerencia responde a motivacións xeopolíticas sobre recursos críticos e aviso aos gobernos rexionais do custo de desobedecer a Washington no contexto da rivalidade con China. O petróleo é secundario fronte ao auténtico tesouro: o Arco Mineiro do Orinoco, valorado en dous trillóns de dólares, que concentra terras raras esenciais para a industria bélica e tecnolóxica.

O subsolo venezolano alberga riquezas que transcenden o valor económico para penetrar no ámbito da seguridade nacional das grandes potencias. Máis alá dos hidrocarburos, o país posúe entre 7.000 e 8.000 toneladas de ouro, depósitos significativos de coltán —coñecido coma ouro azul— e elementos estratéxicos como lantano, cerio, neodimio, disprosio e terbio. Até 17 destes elementos químicos resultan vitais para producir imáns permanentes usados en motores eléctricos, turbinas eólicas, sistemas de guía militar, radares e baterías de alta capacidade. Estes compoñentes resultan imprescindibles para o armamento máis avanzado, desde avións F-35 e submarinos nucleares até sistemas láser, satélites e mísiles Tomahawk. O seu control determina a capacidade de calquera potencia para manter a súa industria de defensa e liderado tecnolóxico en sectores altamente estratéxicos.

A Casa Branca non tolerará que o seu territorio de influencia histórico se converta en escenario de penetración chinesa.

A dependencia de Washington respecto a Pequín no tratamento de minerais críticos obsesiona a Trump e explica un interese que transcende consideracións estritamente petrolíferas. O xigante asiático controla o 70% da extracción mundial de terras raras e case o 90% do seu refinamento global, outorgándolle capacidade para exercer presión mediante restricións ás exportacións. Entre 2020-2023, case tres cuartas partes das importacións norteamericanas destes compostos proviñeron do país asiático. Esta vulnerabilidade plasmouse en abril de 2025 cando o goberno chinés impuxo controis que provocaron paradas temporais na produción de vehículos eléctricos de General Motors e Tesla. Mesmo os materiais que Washington extrae en California deben enviarse a China para transformación, un proceso contaminante que o réxime asiático asume obtendo vantaxe estratéxica. As novas minas estadounidenses tardarán anos en ser operativas, facendo de Venezuela unha meta inmediata.

A rivalidade entre ambas potencias transcende o control dos recursos para cristalizar nunha competición por esferas de influencia que evoca a Guerra Fría. Para a Casa Branca, América Latina constitúe o patio traseiro onde non tolera presenza chinesa. Pequín tiña consolidado en Venezuela unha forte implantación: principal comprador de petróleo, inversor en infraestruturas da Iniciativa Franxa e Ruta, prestamista con máis de 60.000 millóns desde 2007 e socio tecnolóxico en vixilancia e telecomunicacións. Durante os meses previos á captura de Maduro, Washington despregou unha flotilla no Caribe contra embarcacións acusadas de narcotráfico, causando uns 115 mortos en 35 ataques navais, se ben familiares denunciaron que moitos eran pescadores sen vinculación con redes criminais. Esta campaña visaba intimidar gobernos rexionais e advertir que Estados Unidos emprega forza letal para defender a súa hexemonía hemisférica.

A captura de Maduro envía unha mensaxe inequívoca a gobernos latinoamericanos con nexos asiáticos. A Casa Branca non tolerará que o seu territorio de influencia histórico se converta en escenario de penetración chinesa. Brasil, principal socio comercial de Pequín no continente, observa con temor como Washington bombardea capitais cando considera ameazados os seus intereses estratéxicos. Colombia e México reciben o aviso de que a coerción pode escalar até intervención armada malia as súas alianzas tradicionais con EEUU. Arxentina, onde Milei condicionou o distanciamento chinés ao rescate financeiro norteamericano, exemplifica o modelo trumpista de gobernos rexionais subordinados dispostos a romper vínculos con Pequín por supervivencia económica. Esta lóxica imperial reduce os Estados soberanos a pezas de xadrez, negando calquera principio de autodeterminación.

Venezuela certifica a fin do multilateralismo, sancionando o advenemento dunha era onde as grandes potencias redebuxan o mapa a través da forza bruta. Quen aplaude a inxerencia estadounidense coma fito democratizador, desde a diáspora venezolana até populistas locais como o alcalde de Ourense, omite que Washington colaborou con Maduro cando lle conveu e que, mesmo agora, privilexia a continuidade do chavismo. A democracia nunca foi obxectivo, senón pretexto. O precedente queda sentado. Segundo esta lóxica, Trump pode bombardear Caracas hoxe e mañá reclamar Groenlandia, ao igual que Rusia pode capturar a Zelenski e China invadir Taiwan invocando calquera pretexto. Sexa cal sexa a coartada elixida tan só opera como pantalla dunha guerra xeopolítica máis ampla onde as normas do dereito internacional subordínanse a cálculos de poder espido. Non restan límites nin regras, só intereses e a forza para impoñelos.

Contenido patrocinado

stats