O intrusismo laboral no mundo da arte: cando se di “meu primo tamén fai iso”

Alva López Ferreira, artista visual

Publicado: 25 feb 2025 - 00:25

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

No mundo da arte e o deseño, hai unha frase que se escoita con demasiada frecuencia: “Meu primo tamén fai iso e máis barato.” Este tipo de pensamento subestima completamente o valor do traballo artístico e profesionaliza a precariedade fomentando o intrusismo laboral. Pero, realmente é o mesmo o que fai alguén sen formación que o traballo dun profesional con anos de estudo e experiencia? Spoiler: NON.

A formación non é un capricho. Cando alguén se forma en arte, deseño, ilustración ou calquera disciplina creativa, non o fai por pasar o tempo. Mínimo son catro anos (sen contar especializacións, másteres ou experiencia profesional) adquirindo coñecementos técnicos, teoría da cor, composición, anatomía, uso de ferramentas dixitais e tradicionais, historia da arte… Todo isto fai que o traballo dun profesional non só sexa esteticamente atractivo, senón funcional, ben resolto e con valor real.

Ter ferramentas non implica saber usalas ben

Pero logo chega o típico caso: “O meu primo sabe usar Photoshop”, “A miña curmá fai debuxos no iPad”, “Pillei unha app que o fai só”. E aquí temos o problema: ter ferramentas non implica saber usalas ben. É como se alguén con bisturí se presentase a operar porque “xa viu “Anatomia de Grey” salvando as distancias.

Unha campaña publicitaria mal deseñada pode xerar perdas en vez de beneficios.

O intrusismo non só devalúa o traballo dos profesionais, senón que tamén prexudica os clientes. Un logotipo feito por alguén sen coñecemento de branding pode ser visualmente bonito pero inutilizable. Unha ilustración “barata” pode ter problemas de dereitos de autor ou ser de baixa calidade para impresión. Unha campaña publicitaria mal deseñada pode xerar perdas en vez de beneficios.

Aquí entra un punto fundamental: se buscas un servizo, pide referencias, revisa traballos anteriores, pregunta pola experiencia. Ninguén vai ao dentista sen saber se ten estudos ou directamente chama ao veciño porque “total, tamén ten un alicate”. Pois no mundo da arte e o deseño, igual.

Agora ben, non se trata de dicir que só os titulados poden crear arte ou que todo o mundo debe cobrar millóns. O problema está en non respectar a profesión.

Pódese pedir consello artístico a un amigo, igual que se pode falar dun problema persoal con alguén de confianza. Pero se ese problema non che deixa vivir, o ideal é ir a terapia. Coa arte pasa igual: podes debuxar, pintar ou deseñar como hobby, pero se buscas un traballo profesional, necesitas a alguén que saiba o que fai.

A arte non é un capricho. Moita xente pensa que a arte é algo “subxectivo” e, polo tanto, calquera pode facela con éxito profesional. Pero a subxectividade non significa ausencia de técnica, coñecemento ou esforzo. Unha película pode ser unha obra mestra ou un desastre, un cadro pode ser icónico ou esquecible, un logotipo pode ser recoñecido mundialmente ou pasar desapercibido. A diferenza está no talento, pero sobre todo na formación e na experiencia.

Como en calquera outra profesión, quen a exerce merece respecto

A arte non é unha perda de tempo, nin un luxo innecesario, nin moito menos algo do que avergoñarse. Está en todo o que nos rodea: no móbil que usas, nos libros que les, na roupa que levas, nos anuncios que ves, na música que escoitas. Todo iso é arte aplicada. E como en calquera outra profesión, quen a exerce merece respecto.

Como artista pido respeto, cara o meu traballo e o dos meus compañeiros, pero sobre todo, o que busco con esta reflexión, é empatía poñer en valor o traballo da xente e buscar unha introspección por parte de quen o lea.

Contenido patrocinado

stats