Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Un 4 de setembro de 1856 descubríanse os restos dun curioso esqueleto. Aparecían nunha canteira cerca da cova de Feldhofer. Máis non foi ata o ano 1864 cando, o xeólogo William King, estudando a osamenta, define unha nova especie humana: o “Homo neanderhalensis” ou home de Neandertal. Tomaba o nome dun tramo do val do río Düssel, non lonxe de Düsselford. Non obstante, a investigación científica constrúese revisándose a si mesma sen pausa. Só entonces púdose saber que outros restos atopados anos antes, formaban parte da mesma especie.
É o caso do cranio do neno de Engis, na actual Bélxica, atopado en 1829. Ou o descuberto en 1848 na canteira de Forbes´s Quarry, en Gibraltar, para o que se formulara a denominación de “Homo calpicus”. De Calpe, Gibraltar. Imaxinan?
Nas antigas reconstrucións gráficas, os neandertais non saían moi favorecidos. En efecto, a partir do primeiro esqueleto que apareceu case enteiro no xacemento arqueolóxico francés de La Chapelle-aux-Saints no ano 1908, o paleontólogo Marcellin Boule deseñou a primeira imaxe. Sen embargo non tivo en conta as patoloxías que padecera aquel individuo en particular -que non encarnaba o aspecto de todos os neandertais-, e o representou cunha aparencia moi bruta, incluso case sen a postura erguida que caracteriza aos bípedes. Desafortunadamente esa foi a idea que se foi transmitindo durante décadas, ata que novas investigacións foron mudando a percepción sobre eles, incluso as veces de forma algo esaxerada.
Ademais das ferramentas que fabricaban, ben conservadas no rexistro arqueolóxico, unha parte importante da información que temos sobre os costumes neandertais proveñen das tumbas. Nesta cuestión foron paradigmáticas as que o estadounidense Ralph Solecki deu a coñecer nos inicios da década de 1960 na cova de Shanidar, no Kurdistán iraquí. Alí, os resultados das primeiras escavacións foron espectaculares, quizá de máis, como veremos.
Entre outros datos sorprendentes, Solecki descubriu pole de flores entre a terra que cubría algúns dos corpos. Interpretouno como parte dun ritual de enterramento moi refinado, similar ao da nosa especie -Homo sapiens-, con flores colocadas por riba dos defuntos, como se podería deducir do debuxo que elaboramos partindo do orixinal da escavación. Estudos posteriores da Universidade John Moores de Liverpool, cuestionan o feito, interpretando o pole como un elemento intrusivo ou acaso procedente de ramas floridas colocadas sobre os corpos.
Pero existe outro tipo de información en Shanidar de alto interese en relación coas actitudes dos neandertais. As patoloxías observadas no esqueleto 1 detectaron unha severa discapacidade nun “ancián” duns corenta anos. Era manco, coxo e, seguramente xordo e cun alto grao de cegueira. Sen embargo gran parte das lesións estaban cicatrizadas ou viñan de anos atrás, polo que o individuo necesariamente foi coidado e mantido por algúns ou todos os restantes membros do grupo. É dicir, atenderon ao maior ata a súa morte e o enterraron, asunto funerario que que poderiamos tratar noutra ocasión. Existen exemplos de cuidados aínda máis antigos, como os observados entre os “Homo heidelbergensis” de Atapuerca, precursores directos dos neandertais e que viviron hai máis de 300.000 anos.
Como poden ver, a atención aos maiores non é exclusiva de Sapiens, a nosa especie. Tratalos coa merecida consideración é unha actitude moito máis antiga.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último