Lembranza a “Xocas” no Día das Letras

Publicado: 17 may 2024 - 22:03

Algunha vez lles contei que fun alumno de “Xocas”, o etnógrafo Xaquín Lorenzo. Nas aulas de Historia poñíanos en contacto coa arqueoloxía de primeira man, explicándonos as escavacións co seu mestre Florentino Cuevillas. As magníficas leccións, que incrementaba grazas á súa aprendizaxe co gran prehistoriador, decantáronme definitivamente pola profesión de arqueólogo. Pero hoxe non toca falar dixo, se non dunha anécdota de Xocas sobre o uso do galego.

Foi, se mal non recordo, nos inicios da década de 1970, cando o galego non estaba incluído nos programas de estudio. Algúns de nós, lendo traballos de Cuevillas, Bouza-Brey ou do propio Xocas, achegabámonos a el con dificultade porque, ademais, non escribían de forma normalizada -aínda non se chegara a iso-, se non que o utilizaban de intuitivamente e cargado de expresións seguramente persoais e locais. Aínda así, liámolos con curiosidade, tamén cun afecto crecente polo idioma que usaban nada menos que aqueles grandes arqueólogos que publicaban en vellos e valiosos libros. Para nós eran como códices ou guías dos tesouros, só que as riquezas eran os xacementos arqueolóxicos que describían. Naquela altura as clases se impartían exclusivamente en castelán. Tamén Xocas, que sobre este asunto nos deixou unha anécdota -unha nova lección- que a continuación lles conto. Era un día de exame que trataba, creo recordar, de arte e sobre determinados estilos artísticos medievais. Penso que sobre prerrománico, románico e gótico. E chegou o momento. Xa tiñamos preparado o folio cos nosos datos persoais, o curso ao que pertenciamos e o nome da materia. Inquedos e mirando sen pestanexar ao profesor, agardabamos polas preguntas. Por fin comezou. Ditounas amodo. Iámolas copiando todas no papel para respondelas segundo o ritmo e sabedoría de cada quen. Mentres pensabamos as respostas, Xocas levantou a vista e, grave como era el, dixo moi serio:

-¿Por que no se animan a hacer el examen en gallego?

Un murmurio, mestura de sorpresa de inquedanza, percorreu a aula. Mirabámonos uns a outros, sen saber que dicir. Despois dun tempo de recuperación, un dos nosos compañeiros primeiro mirou para as mesas onde estabamos todos e, logo, díxolle a Xocas:

-Don Joaquín, a veces algunos lo hablamos en casa. Pero no vamos a saber escribirlo.

-¿Por que no se animan? A ver que pasa -contestou Xocas con ese sorriso que cando quería só manifestaba coa mirada-.

E así foi. Fomos vencendo as dúbidas, os temores a intentalo co galego escrito por primeira vez “oficialmente”, nada menos que nun exame. Puxémonos mans á obra para enfrontar unha tarefa que non se prevía doada. Era o dobre esforzo de ordenar ideas para responder as preguntas mentres discorriamos como dicilo en galego, buscando as palabras máis correctas, construíndo frases lóxicas e coa maior aparencia académica posible, pois estabamos facendo un exame. Rematou o tempo. Algúns apuraban as últimas frases mentres o profesor ía recollendo os exames.

Pasou o tempo e volvemos ter aulas con “Don Joaquín”. Como todos os días, encamiñouse por diante dos bancos cara á tarima. Deixaba, como era costume nel, un aroma mestura de café e tabaco. Colocándose a chaqueta cruzada do traxe de raias, sentouse na súa mesa e pousou unha pila de folios. Eran os nosos exames, os que agardabamos impacientes. Estabamos en silencio, mirando para el. Xocas tiña o superpoder de concentrar a atención, incluso a dunha tropa de adolescentes inquedos como eramos nós naquel entón. Por fin, coa súa voz grave, comezou a comentar o asunto que nos interesaba: o exame.

-Han estudiado ustedes. Además bastante.

Para nós aquelo era todo un estímulo. Sabiamos que Xocas non se prodigaba en cumpridos e, menos aínda, inmerecidos. Pero faltaba algo que non nos dixera.

-Don Joaquín, ¿y lo del gallego?, ¿lo hicimos bien?

-¿Ah, preguntan ustedes por el gallego? -e sorriu-. Pues en verdad no sé por qué no se animan ustedes a utilizarlo por escrito con más frecuencia.

Sorpresivamente, parece que todo saíra moi ben, incluso aquela novidade idiomática. Pero faltaba a lección final:

-Como les decía, no sé por qué ese desánimo a escribir en gallego. ¡Lo hacen ustedes tal mal como en castellano!

Vaia, que inxenuos eramos. Ata pensabamos, como moitos, que escribiamos en castelán casi como Pemán!

Contenido patrocinado

stats