José Suárez e o “Día das Artes Galegas” en Allariz

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 28 mar 2026 - 00:05
Cartel do Día das Artes Galegas 2026.
Cartel do Día das Artes Galegas 2026.

Antes de nada, permítanme unhas pinceladas históricas sobre a Real Academia Galega de Belas Artes, a RAGBA. Creada polo Real Decreto do 31 de outubro de 1849 co nome de Academia Provincial de Bellas Artes, dende o 12 de xullo de 1916, posúe o título Real. O 14 de abril de 1947 foi oficialmente autorizada para poñerse baixo a advocación da patroa da cidade da Coruña, a Virxe do Rosario, como entón era tradicional nas academias relacionadas coas artes. Debemos agardar a Orden Ministerial del 31 de enero de 1984 para o cambio de denominación pola de Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

Pero centrémonos no Día das Artes Galegas, a conmemorar o 1 de abril. A RAGBA decidiu instituílo na asemblea plenaria do 31 de xaneiro de 2015. Máis que un día concreto, e unha serie de celebracións durante todo o ano ao redor da figura protagonista, ata o seguinte 1 de abril, que comezan as homenaxes da nova candidatura elixida. Cada día/ano ten como fin a “exaltación, divulgación e promoción da creación en Galicia”. Dende hai once anos sucedéronse os recoñecementos: en 2015 o Mestre Mateo, en 2016 Castelao, en 2017 Maruja Mallo, en 2018 Alejandro de la Sota, en 2019 Luis Seoane, nos anos de pandemia 2020-2021 Domingo de Andrade, en 2022 José Otero Abeledo “Laxeiro”, en 2023 Martín Codax, en 2024 Francisco Asorey e, o pasado 2025, Isaac Díaz Pardo.

A RAGBA celebrará a súa sesión plenaria no Salón de Plenos do Concello de Allariz

A selección anual recae sobre unha figura que a RAGBA entende “...transcendental na Historia das Artes Galegas e da que deberá ter transcorrido máis de 10 años desde o seu pasamento”. Sometidas á votación do plenario do mes de xuño tres candidaturas finalistas de entre as presentadas, elíxese a figura a homenaxear. Este ano, como se ten anunciado, escollemos o candidato proposto pola sección de Artes da Imaxe, o fotógrafo alaricán José Suárez. E como cada 1 de abril, a RAGBA celebra un dos seus días grandes, a festa das artes galegas. A institución, nacida na cidade de Coruña en 1874, no continuo afán de proxectarse e estender as súas actividades a toda Galicia, elixiu a ourensá vila de Allariz, onde viu a luz Suárez. Alí desenvolveranse os primeiros actos na memoria e obra do gran fotógrafo, director de cine e primeiro homenaxeado ourensán. Suárez dotou á súa obra de modernidade e vangardismo europeo do momento, ilustrando dende a década de 1920 publicacións tan prestixiosas como, e entre outras, Vida Gallega, Mundo Gráfico ou Atalaya, ou unha edición de fotos de Salamanca prologadas polo seu amigo Miguel de Unamuno. Pero de Suárez falarán outros -especialistas con máis autoridade que as que conteñen estas breves palabras que eu agora lle dedico- nos sucesivos actos e homenaxes á súa figura e memoria. Simplemente recomendarlles que observen con detemento e desfruten da fermosa fotografía que utilizou a academia no cartel do Día das Artes, a do neno que pousa coa súa maqueta de dorna con nome “javiota”. A instantánea foi tomada na vila mariñeira de Bueu na década de 1930 e pertence á serie “Mariñeiros”.

A RAGBA celebrará a súa sesión plenaria no Salón de Plenos do Concello de Allariz, institución anfitrioa e, ás 19:00 h terá lugar o acto de homenaxe institucional aberto ao público na Casa da Cultura da vila alaricana. A laudatio correrá a cargo do académico numerario da Sección de Artes da Imaxe, Xurxo Lobato. Achéguense e gocen do acto dedicado a José Suárez.

Contenido patrocinado

stats