Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Ó abeiro da crúa semiescuridade que reina na estancia, a figura dun home sentado diante do pequeno espello colocado nun recanto da mesa proxéctase como unha sombra chinesa contra a parede de madeira do camerino improvisado para a ocasión.
“Pon o traxe e empoa o teu rostro, a xente aquí paga e quere rir; e se Arlequín róubache a Colombina, ri, Pallaso, e todos che aplaudirán!. Transforma en bromas o desconsolo e o pranto; nun aceno os saloucos e a dor. Ah! Ri, Pallaso, sobre o teu amor esnaquizado! Ri da dor que te envelena o corazón!”
Canio estase a caracterizar co gallo de transformarse en Pagliaccio, o personaxe principal da obra de teatro que a súa compañía de variedades representará deseguido na praza maior da aldea. Mentres estende con moito coidado a maquillaxe por aquela faciana de home curtido en mil batallas, o actor láiase da deslealdade matrimonial que coñecera había só uns intres ó tempo que loita contra unhas bágoas que, a piques de agromar, ameazan seriamente con estraga-la súa coidada máscara de pintura.
Na ópera “Pagliacci”, unha traxedia verista de Ruggero Leoncavallo, aquel home totalmente afundido na desesperanza e mailo sentimento de traizón, entende que, malia a súa dor interna, o seu sentido da profesionalidade obrígao a seguir cara adiante e asegurar que o espectáculo continua; unha decisión difícil de asumir por que se traduce no esforzo amargo de ter que troca-la dor polo riso por mor de que a representación siga o seu ineludíbel curso natural. “Pon o traxe e empoa o teu rostro, a xente aquí paga e quere rir; e se Arlequín róubache a Colombina, ri, Pallaso, e todos che aplaudirán!. Transforma en bromas o desconsolo e o pranto; nun aceno os saloucos e a dor. Ah! Ri, Pallaso, sobre o teu amor esnaquizado! Ri da dor que te envelena o corazón!”
Había pouco máis dun día que vira a luz o novo ano. Seguindo un ritual aprehendido, Solovio colocouse unha vez máis diante do espello da mañá co gallo de desenvolve-lo exercicio de valentía que adoita obrigalo a enfrontarse coa verdade, por veces dura e insultante, que aquel polígrafo de cristal tinguido de gris metálico, un símbolo tanto de introspección coma de cru realismo, móstralle a diario verbo da súa propia existencia. Mentres a rudeza autoritaria dunhas follas de aceiro frío e húmido percorre a xeografía aínda enxoita da súa pel, o home presinte todo o peso da máscara que vai colocar; unha máscara que, coma o traxe dun pallaso deprimido, ocultará o significado verdadeiro do esforzo que supón para el vivir navegando a contra gusto entre o ser e o parecer. Cun ton reflexivo e filosófico que reforza a idea de que está a enfrontarse á súa propia realidade nese momento, pregúntase por que os seus soños ficaran aparcados sine die na beiravía do desencanto e a desilusión. E mentres remata de barbearse, matina nunha gran estratexia vital que sexa quen de proporcionarlle o efecto placebo necesario para seguir con dignidade; pensa que diante dos atrancos é preciso loitar para que que a vida continúe o seu discorrer normal en agarda de mellores tempos.
Deste xeito, o home asume que, malia a súa decepción e insatisfacción internas, o espectáculo continuará e, polo tanto, decide que por moitos atrancos que batuxen o seu camiño, a vida debe seguir co seu ineludíbel curso natural. A existencia oficial, pensa ó tempo que aclara con auga a súa faciana, nalgunhas ocasións, ás veces demasiadas, non deixa de ser un teatro de máscaras no que cada quen representa o seu papel; por iso, durante eses minutos decisivos, mentres se barbea fronte ó espello da mañá, Solovio determina desenvolver unha representación teatral dentro do escenario da súa propia vida. E sen mediar máis conflitos morais decide, como o Pagliaccio da aria que tanto lle agrada, poñe-lo traxe, empoa-la faciana e forzar un sorriso, por que a comedia, unha vez máis, estaba a piques de principiar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
BALONCESTO FEMENINO
El primer brindis de Suso Garrido por el Ensino
PROGRAMA SEMANA SANTA
Magia, religión y cultura en la Semana Santa de Ribadavia