Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Nunha provincia como a de Ourense é sempre bo momento para falar de emigración, fenómeno que ten moitas vertentes, con centos de miles de protagonistas en Galicia -se cadra máis- con nomes e apelidos, que se foron á lonxana aventura na procura dun futuro mellor. Na diáspora fixéronse adultos e forxaron familia e vida, sobre todo en América. Todos deixaron pegada como esforzados traballadores para gañar o pan de cada día, pero tamén pola capacidade para agruparse en organizacións nas que recrear costumes e ambientes da terra nai para matar a morriña e a saudade do que deixaran atrás.
Non podemos engañarnos: a inmensa maioría viviron na extrema humildade, tanta que con frecuencia o fracaso residía na sua casa o na do paisano veciño, sin poder permitirse o soño de voltar a ver algunha vez a terra de nacenza. A sua memoria, conservada so polos seus, viaxou a eternidade no baúl do anonimato; outros, conseguiron unhos aforros que lles permitiron retornar e encarrilar a vida na volta ao seu norte vital. E algunhos máis, acadaron o éxito a base de traballar desplegando esforzo a reo e talento singular; son os referentes que vernizan as penalidades da maioría e que nos fan sentir orgullo das suas xestas.
Hai exemplos sobranceiros máis alá dos Vázquez Raña, como José Villarino Cortés, orixinario do Riós e triunfador no Brasil (dicía que nos primeiros tempos pasara moita fame, tanta como para soñar que se houbera unha estrada que conectara Sao Paulo co seu pobo, botaría a correr sen parar ata chegar á casa); Ildefonso Riande, de Boborás, que dirixiu un sinfín de negocios en Panamá, ou o ribadaviense Avelino Fernández Rivera que liderou un emporio empresarial con intereses en distintos sectores en Brasil e Galicia.
Dun lote destes últimos -algúns con menos fortuna económica-, pero que acadaron postos e fitos de relevancia planetaria, cuxo ronsel anda polos papeis ou nos arquivos, leva anos rescatándoos Antonio Piñeiro e colocándoos no lugar que lles corresponde na sua terra, aínda que para a maioría tal honra chégalles fatalmente tarde. No libro “Ourense: historias de agora e sempre”, editado por Bolanda, mete a vida, obra e milagros dun cento de galegos emigrantes con vidas pouco comúns das que o escritor -vello e caro amigo- extrae algún aspecto que os conecta con ámbitos que conectan dalgún xeito coa realidade do momento. Un traballo ben interesante, que si lle da por facerse cun exemplar, non se arrepentirá, pois sentirase cumplidamente recompensado polo pracer que lle procurará saber da vida e andanzas desta especie de heroes.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior
OBRAS Y SOCAVONES
Ourense, la ciudad de las vallas infinitas