Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
La lotería electoral
Ourense é terra de estadistas. Unha ollada ás redes sociais da Ourensanía basta para enxergar excelsos coñecementos fronte a deleiba do mundo. Precisión sobre o que, quen, cando, onde e por que, adobiado de pedagoxía, perfís conscientes dos imperativos da intelectualidade, urxidos de partillar e espallar sen dó o resultado de sisudas elucubracións. Para sacarnos das tebras ninguén mellor que o alcalde, capaz de eclipsar ao pai da consultoría política moderna, Joseph Napolitan. De entre todo o seu legado de principios e estratexias para campañas electorais aínda vixentes, o autor do clásico The Election Game and How to Win It, asesor de J.F.K. e presidentes nos cinco continentes, nunca albiscou incluír no seu célebre “decálogo” que un candidato precisase falar inglés sen acento para gañar unhas municipais.
Malia a impermeabilidade da burbulla na que está instalado o alcalde, resulta unha desvergonza sen paliativos ver de situarse no mesmo plano que un fito político desta envergadura
Alén de chamar a atención, a banalidade argumental do alcalde revela un fondo descoñecemento da política transformadora, que se traduce en reiteradas xesticulacións para agochar a súa falta de proxecto. Mamdani triunfou pola confluencia dunha sólida formación con propostas concretas acaídas coa realidade da Gran Mazá e o dominio das técnicas de comunicación política. A humildade da que fixo gala non se compadece das súas capacidades analíticas, sendo fillo de Mahmood Mamdani, profesor en Columbia e referente do pensamento postcolonial. Neither Settler nor Native, que viu a luz en plena pandemia da covid-19, entóxase fundamental para comprender a estratexia do novo rexedor neoiorquino. Fronte a quen constrúen alteridades excluíntes, Zohran mobilizou coalicións transversais superando barreiras raciais, xeracionais e de clase, vendo de desmantelar etiquetas que perpetúan a desigualdade estrutural.
Outro factor de éxito pasa pola concorrencia de ferramentas da comunicación política do século XXI executadas con precisión cirúrxica. Vídeos multiplataforma con narrativas adaptadas a cada segmento, mensaxes en varios idiomas incluíndo español e presenza dixital coordinada con mobilización territorial con visitas porta a porta que superaron tres millóns de vivendas. Creou unha calculadora de aforro online onde cidadáns simulaban o impacto das propostas nos orzamentos familiares. Utilizou influencers auténticos, desde activistas de barrio ata Sofia Coppola ou Mark Ruffalo, combinando resonancia mediática con credibilidade substantiva. A identidade visual, deseñada pola súa esposa Rama Duwaji, despregou as cores da cidade: laranxa das Metrocard, azul dos Mets, vermello intenso da vida urbana. A iconografía de pombas de Central Park, parquímetros e cafés reforzaba o sentimento de pertenza sen patrioterismo estridente.
Esta sofisticación técnica amplificaba un proxecto ben definido. Fronte ao centrista Andrew Cuomo, Mamdani artellou propostas concretas: conxelación de alugueiros en unidades estabilizadas, transporte público gratuíto, coidado infantil universal, tendas de alimentación municipais con prezos baixos. Engadiu conversión de hoteis baleiros en vivendas sociais, expansión da rede de clínicas comunitarias e creación dun banco municipal para financiar cooperativas de traballadores. Estas iniciativas respondían á principal angustia dos novaiorquinos, nunha cidade onde un de cada catro cidadáns vive en pobreza. Identificou ao seu público como heteroxéneo e multiétnico, construíndo mensaxes inclusivas sen renunciar á radicalidade redistributiva. Mobilizou 100.000 voluntarios e conseguiu participación histórica que superou os dous millóns de votos por primeira vez desde 1969.
Mamdani gañou en todos os grupos raciais e avantaxou en 43 puntos a Cuomo nos menores de 45 anos. Os novos residentes en Nova York, chave nunha cidade de chegadas constantes, apoiárono masivamente. Non dirixiu a campaña a un nicho concreto, senón que vencellou necesidades materiais transversais cunha proposta de transformación económica. Como subliñou Bernie Sanders, a vitoria demostra que un candidato progresista pode derrotar á oligarquía cando conecta diagnóstico rigoroso con mobilización popular organizada. Primeiro alcalde musulmán e de orixe asiático, o máis novo nun século, evitou triunfalismo identitario citando ao socialista Eugene V. Debs: “podo ver o amencer dun día mellor para a humanidade”. Agradeceu a taxistas, avoas mexicanas e traballadores, posicionamento a Slow Poison (2024), onde o seu pai analiza a independencia ugandesa contrastando a ética de Idi Amin coa corrupción de Museveni. Zohran encarna ese compromiso co ben común fronte ao modelo extractivo.
Malia a impermeabilidade da burbulla na que está instalado o alcalde, resulta unha desvergonza sen paliativos ver de situarse no mesmo plano que un fito político desta envergadura. Mamdani combina rigor académico, diagnose exhaustiva de actores e dinámicas urbanas, visión integral que abraza toda a heteroxeneidade do electorado e programa redistributivo que materializa aspiracións colectivas en medidas verificables. A xestión clientelar de Jácome sitúase nas súas exactas antípodas, facendo bandeira da superficialidade, o ruído e falta de predisposición para escoitar a toda a cidadanía. A sucesión de arroutadas evidencia as limitacións dun modelo que carece de diagnóstico rigoroso e de proxecto que supere o meramente reactivo. Resta que os nosos estadistas decidan se esixen liderados con substancia ou se acaso se conforman co simulacro disfrazado de política.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
La lotería electoral
LA OPINIÓN
El día que Jesús Gil fue inocente
Jorge Vázquez
Por qué el éxito de 2026 no se construye trabajando estos días
José Luis Gómez
CUENTA DE RESULTADOS
¿Podrán pagarse las pensiones?
Lo último