A lei do oeste

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 14 oct 2026 - 04:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Moitas cousas que acontecen no país das barras e as estrelas avívanme a memoria e lémbranme cousas do pasado. As películas de vaqueiros e indios que se proxectaban nos cines antano e os aforcamentos chegan de novo a miña retina. Estaba en vigor a lei do máis forte. Corrían os anos sesenta do século pasado e esas cintas eran moi frecuentes nos cines ourensáns. Despois do obrigado NODO, no que sempre saía o ditador inaugurando algo, e despois dos anuncios de publicidade, comezaba a sesión. Eran películas que debuxaban un tempo no que os brancos andaban a tiros cos nomeados salvaxes. Era unha loita contra os indios daquelas tribos. Na memoria, os apaches, os sioux e os cheyenes, e o trato que se lle daba aquela xente.

Pois ben, pasaron moitos anos e, de novo, unha parte moi importante da poboación dos EEUU parece que segue a vivir nos tempos da xustiza contundente e salvaxe. Volven as execucións públicas retransmitidas na tele. Hai uns días, a unha muller que a condenaron a morte e que a súa execución resultou fallida, parece que a executarán de novo. Eu sempre entendín que cando pasaba un caso como o comentado, ó reo conmutábaselle a pena pola de cadea perpetua. Mais nada me estraña do que acontece nun país onde a pena de morte segue vixente en moitos Estados.

Cada día que pasa imos coñecendo máis detalles de como é a vida nos EEUU

Cada día que pasa imos coñecendo máis detalles de como é a vida nos EEUU. E o que imos vendo resulta chocante con todo aquelo que nos contaron dese país onde as liberdades seica eran un modelo a seguir no mundo. Máis a realidade amosa moitos puntos escuros que sinalan o contrario. E iso deberíanos levar a valorar máis o que temos no noso Estado.

A día de hoxe sabemos que os membros do ICE deteñen a xente emigrante sen máis miramentos, sabemos que o uso da forza é o seu principal argumento, sabemos que andan á caza da xente polo seu aspecto. Primeiro detéñente, se antes non che disparan e te feren ou matan, e despois preguntan. Casos recentes está ben á vista. Un país onde a sanidade é totalmente privada, e se non tes un seguro importante, morres sen que te atenda ninguén ás portas dun hospital. Un país que aínda arrastra costumes dos tempos da conquista do oeste, onde se anda coas armas no cinto é se pode acadar unha ó abrir unha conta nun banco. Un país onde estudar na universidade costa un ril. E podería seguir.

Hai uns días, un comentarista falaba da carestía da vida e da vivenda dando uns prezos moi elevados e dicía que os soldos levaban cinco anos sen seren actualizados. Ese é o modelo que queremos para a nosa terra? Esa é a forma de vida que ollamos con admiración? Ás veces é preciso que, no canto de sermos tan críticos co que temos no noso Estado, deberíamos valorar e defender máis ó noso modelo de vida. Que temos problemas e grandes, claro. Corren tempos nos que se din moitas cousas desacertadas e sen ter a información precisa.

Dise que nós colonizamos o que se chama o Novo Mundo. Colonizar non é a palabra máis exacta. Nós levamos ó Novo Mundo unha maneira distinta de vida e deixouse pegada creando universidades, igrexas e cidades. Pode que houbera excesos, sempre pasan cousas. Pero os que colonizaron e arrasaron con todo sempre foron os ianquis. Si, eles arrasaron con todas as culturas por onde pisaron matando ós indíxenas e creando guerras en todo o mundo. Ben sei que non todos os estadounidenses son así, máis nunha importante parte considéranse supremacistas e desa maneira actúan diante o mundo. E se non fora así non elixirían a un presidente ególatra e un narciso que pensa que a súa raza é superior as demais.

En fin, aínda que sexa triste, en moitas partes dos EEUU están a vivir na lei do oeste. Apoiar á masacre dos palestinos polos israelíes, vivir fora dos organismos mundiais como a Carta dos Dereitos Humanos e a xustiza universal xunto cos rusos, chinos e israelíes non fala ben de ninguén e menos dos ianquis. Televisar a execución dunha persoa non é máis ca unha mostra de crueldade e de fracaso dunha sociedade violenta, dunha sociedade que quere meterlle medo ós cidadáns. Por iso, e moitas cousas máis, ese inmenso país non debera ser o modelo no mundo a seguir.

Contenido patrocinado

stats