Pensando nun futuro mellor

TÍA MANUELA

Publicado: 14 oct 2026 - 04:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O mellor está por chegar” é unha expresión que se lle atribúe a aquel recoñecido poeta inglés, Robert Browning (1812-1889), que tantas veces reflexionou sobre o sentido da vida, o paso do tempo e a vellez das persoas e das cousas. Sobre a esperanza no futuro, que vén de camiño, que está chegando e chega en cada instante, ao mesmo tempo que se separa. Aínda poden vir tempos mellores, “moito mellores”, dicía Francisco, o mesmo día que se fora para a Gloria a súa compañeira de vida e, para o hospital comarcal, a súa nai, Filomena.

Era un futuro precipitado, pero volvemos ao caso, o mellor está en tránsito, en camiño e camiñando cara o pasado, polas vereas da esperanza. Aí, detrás, está agardando, mentres os cidadáns de boa vontade andan soñando e, pouco a pouco, pensando na retirada. Mentres os políticos, uns e outros, valoran a retornada, na volta a aquel lugar de onde partiron. Queren alento e lembranzas para seguir avanzando ou, cando menos, recordar e confiar na firmeza daquel espazo de onde partiron.

E hai opcións que miran para o futuro e non queren cambiar a mirada ata que podan agarralo coas propias mans

O fillo de Filomena observa varias opcións políticas e asegura que, segundo as súas observacións, todas elas confían e fían con esperanza no futuro. Ao parecer, unhas confórmanse con ser as máis votadas das perdedoras, outras queren acadar o éxito de ter, polo menos, un representante nunha das cámaras de representación, nas dúas ou nas que se poida. E hai opcións que miran para o futuro e non queren cambiar a mirada ata que podan agarralo coas propias mans, coas mans de todos e de todas, das loiras ou das brancas, das mouras ou das outras e dos outros.

Se o futuro está por chegar e se está no camiño, aínda que veña paseniño, debemos esperar e ter confianza nas promesas de que será venturoso. Naturalmente, para uns máis que para outros. Pero volvendo ao principio, que é o mellor? A Tía Manuela recorda un proverbio xaponés que moitos de vostedes compartirán: “É mellor viaxar cheos de esperanza que chegar”. Efectivamente, xa o dicía Aristóteles, pensando nun futuro mellor e vivindo no presente: “A esperanza é o soño dos homes espertos”; o voso e o noso soño, lectoras e lectores deste xornal. Aqueles que dormen seguido non son quen de soñar.

Contenido patrocinado

stats