Fernando Román Alonso
TRIBUNA
Lembrando a Arturo Noguerol
TRIBUNA
O 12 de setembro de 1936, hai 90 anos, produciuse o pasamento, inxusto a todas luces, dun dos homes importantes na historia da Galicia moderna: Arturo Noguerol.
Arturo Noguerol Buján naceu no nº 1 da ourensá rúa de Alba (chamada, despois, Cardenal Quiroga e hoxe Alejandro Outeiriño) na madrugada do 6 de maio de 1892, aínda que viviu cos seus pais no nº 26 da rúa Raiña Victoria, preto da Porta da Aira.
O pai de Noguerol tiña o mesmo nome e apelidos ca el, foi procurador de profesión e concelleiro de Ourense en diversas etapas; a primeira desde 1891, intre no que o elixiron rexedor síndico. Ao tempo, era presidente da Deputación o seu tío José Lorenzo, que casara coa súa tía Obdulia Buján. Os Noguerol e os Lorenzo construíron en 1897 a casa nº 10 da rúa Padre Feixóo.
Arturo estudou o bacharelato no Instituto do Posío. Entre os seus profesores atopábanse Salvador Padilla, Marcelo Macías, Eduardo Moreno López e Pompeyo Beltrán e tivo como compañeiros a Ramón Otero Pedrayo, Manuel Martínez-Risco e Florentino L.Cuevillas. Estudou Dereito en Salamanca entre 1910 e 1915. A finais deste ano xa está en Auriabella coa licenciatura no seu fardel e arroupado por Risco, Otero e Cuevillas. Todos eles fixeron unha verdadeira revolución na que Galicia sería a súa bandeira. Abriu o seu despacho na rúa Padre Feixóo, onde tamén estivo a administración e a xerencia da revista Nós. Estes anos da mocidade foron o preludio dun Noguerol de vigorosa personalidade que bebera a un tempo na xuridicidade dos estudos universitarios e na cultura clásica dos membros da Comisión de Monumentos.
O seu amigo Ramón Otero Pedrayo plasmou a súa pesonalidade no “Libro dos amigos”:
“Co nome de Arturo Noguerol vai en min cinguida a lembranza de vivires mañanceiros choutantes de porvir, e a tristura dunha rexa e levian intelixenza non coallada nos froitos agardados”.
Peña Novo, Porteiro Garea, Noguerol… semellaban nados para seguir afondando as aradas dos grandes mestres dos séculos pasados e ermanzas do noso dereito.
Noguerol foi no galeguismo o arbitrista, o financeiro, o home das trazas e recursos precisos para sacar adiante unhas eleiciós, a edición dun libro, a carreira dun rapas de proveito”.
O 21 de xaneiro de 1924, Noguerol casou con Eloisa Martínez Carballo. Tiveron dous fillos nados en Ourense: Eloisa e Pedro Arturo. Nomeáronno por Real Decreto de setembro de 1925 secretario do Concello de Pereiro de Aguiar e despois en Avión, Rianxo e, dende 1932, en Serantes, preto do Ferrol.
Tomou parte en todas as iniciativas culturais e políticas galegas. O ano 1917 Arturo e Vicente Risco tiraron da imprenta de Antonio Otero o primeiro número, dos sete de que contou, a revista “La Centuria”; eles eran os seus xerentes únicos. En “La Centuria” escribiu varios artigos sendo o máis importante o titulado “La Patria” que puido ser un dos primeiros testemuños a prol do galeguismo no que se recollen os puntos principais do mesmo. O ano seguinte participou na constitución a “Irmandá Rexionalista de Ourense”. Nos seus artigos amosou o seu carácter avanzado, progresista e científico nos que mesturou a defensa da tradición galega á vez que pretendía modernizar a sociedade galega. Isto serviu para xermolar e sacar do prelo a revista NÓS. Risco e Noguerol foron os promotores da mesma, sendo o primeiro director literario e Noguerol xerente durante os 18 primeiros números. A redacción da mesma permaneceu nos doce primeiros números no seu despacho da rúa Padre Feixóo.
Noguerol foi no galeguismo o arbitrista, o financeiro, o home das trazas e recursos precisos para sacar adiante unhas eleiciós, a edición dun libro, a carreira dun rapas de proveito”.
A Xeración Nós pode ser considerada como órgano vertebrador da cultura e política galega do primeiro tercio do século XX.
En 1918, en La Región, Arturo editou o ensaio “Parolas sobre a propiedá”, no que plasmou o seu profundo coñecemento das teorías científicas de diversos países. Asemade, participou nas asembleas das Irmandades da Fala: na campaña electoral para as municipais de 1918 despregou a súa gran oratoria política nun mitin no Carballiño e, en 1922, nos mitins de Chantada e Monforte. Foron, tamén, moi aplaudidos os seus discursos sobre a colección “Nós” de Castelao.
Arturo publicou artigos en O Tio Marcos d´a Portela, na revista A Nosa Terra e en La Billarda, pero o groso da súa produción literaria aparece na revista Nós.
Noguerol, que publicara o seu primeiro artigo en “La Centuria”, retirouse, sen ter causa coñecida, da vida política e literaria en 1930. O 15 de setembro apareceu o seu derradeiro artigo no nº 81 de Nós, titulado “Notas políticas”. Na década dos trinta, Carballo Calero e Ramón Piñeiro souberon, de primeira man, do seu pesimismo, pero, ao mesmo tempo, mantivo a súa postura dos primeiros tempos nos que nunca aceptou nin a república nin a monarquía como formas políticas do Estado. O único polo que devecía era por Galicia. A separación física do seu Ourense natal, do galeguismo e, só fisicamente, dos seus amigos e compañeiros da “Xeración Nós”, quizais fixo que non escribira máis.
En Serantes comezaron os seus problemas políticos e laborais. Na revolución de 1934 detivérono por emitir “novas tendenciosas” e portar pistola sen licenza gobernativa; liberárono porque xustificou a inexactitude das acusacións, xa que posuía licenza. Amor, oficial administrativo interino de Serantes, fora denunciante por ciúmes e por xenreira dado que Noguerol propuxera a contratación de Jesús Noya Iglesia, un mozo rianxés que estivera tamén baixo as súas ordes no Concello de Rianxo, cousa que aceptou a corporación municipal pola súa valía. Tralo Alzamento Nacional, Arturo tivo que levantar o 20 de xullo acta de destitución da corporación republicana que, de seguido, foi detida polos sublevados. Posteriormente el mesmo foi detido días despois, encadeado na prisión da Escollera de Ferrol e procesado. O xuíz militar togado que xestionou a tramitación do seu expediente comprobou a súa inocencia ordenando o arquivo provisional do mesmo e a súa liberación. É emocionante a correspondencia mantida con Eloísa Martinez, a súa muller, naqueles días; nela amosaba a súa anguria pola separación da súa familia. Foi liberado, pero naquel mesmo intre foi novamente detido por elementos paramilitares. Na tarde do 11 de setembro de 1936 introduciron a Noguerol con outras doce persoas (dúas delas mulleres) nun autobús e na noite que ía ao doce executáronos na estrada da Coruña ó Ferrol. Foron soterrados nunha foxa común no cemiterio parroquial de Serantes.
Ramón Otero Pedrayo comentara no antedito “Libro dos amigos”:
“Foi o pasamento como un espertar punxante e frio. Agardaba vivire ainda. Co il outros amigos. Todos finaron a caron do espellar engayolado en montes, de aquila duros coallados en pesadelo, da badía ferrolán.
A terra de Galicia, de tanto sofrir polos fillos queridos, poidera ser avarenta das bágoas.
Pensan algúns ser cativa ofrenda o chorar. Mais agás das horas de silencio esculturadas en feitura de penedias ¿qué millor sentimento ós mortiños?”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Fernando Román Alonso
TRIBUNA
Lembrando a Arturo Noguerol
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
A lóxica histórica da delimitación do PERI de Ourense
Itxu Díaz
CRÓNICAS DE VERANO
Los famosos también vuelven al cole
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Hacer lentejas en las burgas
Lo último
EN LA MONTAÑA
El Asesou ya está en su hábitat, en los Stage La Región
DETECTADOS POR COREA DEL SUR
Corea del Norte lanza varios misiles hacia el mar de Japón
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este sábado, 12 de septiembre