Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Rematou o ano 2024. Como cada fin de ciclo co que tentamos organizar a linealidade temporal da existencia, acaso pola incerteza coa que sempre vemos o futuro, intentamos influír nel por medio de intencións e promesas, de boas accións que poidan mellorar as nosas vidas, cando menos, nos próximos meses. Formulamos desexos, con frecuencia a curto e medio prazo: ler o que temos pendente, facer -máis- deporte, dedicar todo o tempo posible á xente que queremos, escoitar música e ese longo etcétera ao que é difícil dar cabida en días que, desafortunadamente, tan só teñen vinte e catro horas. Ás veces chego a pensar que a humanidade divídese en dous tipos de persoas: as que non teñen tempo para nada... e as que non teñen nada para o tempo.
Aínda que esta sección -coa que abusando da súa paciencia lles reclamo atención cada semana- se chama “Diarios do Pasado”, hoxe voulles contar algo relacionado co futuro. Máis ben, con intencións para o ano que vimos de estrear e do que neste momento só levamos consumidos catro días. Unha amiga me preguntaba cal era o meu desexo para o ano que ía entrar. Sen embargo, na mesma pregunta e case sen darme tempo, me interrogaba sobre o que en realidade eu pensaba que ía ocorrer. Algo así como contrapoñer o anhelo de futuro e coa previsión realista do mesmo. Case non me deu tempo a reflexionar. Penso que a intención da pregunta era propiciar unha resposta na que prevalecera a espontaneidade máis que unha exposición teórica de antecedentes, feitos, causas e consecuencias. En tales circunstancias, non puiden evitar acordarme, obra de William Shakespeare “The tragedy of Macbeth” -“A traxedia de Macbeth”-. O escritor e dramaturgo inglés do século XVI, sitúa a acción na convulsa Escocia medieval do rei Duncan. O propio Macbeth, así como o seu amigo Banquo, son altos mandos do seu exército. O Acto Primeiro e Escena V desta magnifica obra, que como ben saben representa a ambición, a traizón e o asasinato, sitúase nun páramo polo que, á volta da batalla, transitan Macbeth e Banquo. No medio dunha rexa tormenta con tronos e raios, tres mulleres -as meigas do drama shakesperián- saen ao encontro dos guerreiros escoceses. Shakespeare as dota dun aspecto tan estraño que o propio Banquo diríxese a elas dicindo “Sodes mulleres ou ben neste instante escarnecedes a súa forma e rostro?”, sen sospeitar que as respostas ían marcar o seu futuro para sempre. A meiga terceira diríxese a Macbeth: “Salve, invicto Macbeth! Salve! Na túa man brillará un día o cetro soberano”. A mesma, dirixíndose a Banquo dille “Aínda que ti non promulgues leis, enxendrarás a poderosos reis”. Noutras palabras, a meiga predí que Macbeth chegará a ser rei, mais non pai de reis. Todo o contrario que Banquo, que non será rei, pero si será estirpe de monarcas.
Noutras palabras, a meiga predí que Macbeth chegará a ser rei, mais non pai de reis. Todo o contrario que Banquo, que non será rei, pero si será estirpe de monarcas
Como o plantador de árbores, que poucas veces chega a desfrutar os froitos do seu esforzo, sempre quixen ser Banquo, coa habilidade de crear prosperidade para as xeracións vindeiras. Tal é o meu desexo para 2025: que os que nos sucedan vivan mellor que nós e nun mundo máis racional que o que a nosa xeración está a crear. Teño medo -confío en que sexa unha impresión en exceso pesimista- que pese os esforzos que fan os nosos fillos, puideran chegar vivir peor que nós. Por iso desexo ser Banquo e, como el, toparme coas tres meigas que predigan o mellor futuro para os nosos sucesores.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CÚMULO DE LESIONES
Totó, el pulmón del Allariz
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior