Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Tejero, desclasificado y quieto
A enquisa de GAD3 publicada esta semana polo xornal La Región é o mellor instrumento de diagnóstico ao dispor sobre o estado político de Ourense, aínda que convén matizalo antes de extraer conclusións. O traballo de campo realizouse en apenas tres días, do 10 ao 12 de febreiro, en ausencia de candidatos confirmados por algunhas formacións -o que destorce a intención de voto- e nunha cidade onde o pronunciado voto dual entre comicios municipais, autonómicos e xerais induce unha elevada volatilidade que ningún modelo demoscópico resolve. Con todo, non temos nada mellor. O que a enquisa ofrece vai máis alá das proxeccións de escano: é un retrato de angustias, percepcións e expectativas cidadás que, ben interpretado, vale moito máis que unha sinxela estimación electoral a quince meses vista.
Para aproveitalo, hai que saber a quen se fala. Jennifer Lees-Marshment, indiscutida referencia do marketing político, demostrou que os partidos que constrúen a súa oferta desde o que quere o electorado obteñen vantaxe estrutural sobre quen parten das súas inercias. É o equivalente político do buyer persona, coñecer ao comprador antes de deseñar o produto. En Ourense, ese cliente é máis heteroxéneo do que a política local asume. As mulleres denuncian o estado das rúas máis que os homes -31% fronte ao 22%- e os mozos de 18 a 29 anos sitúan as fochancas como drama principal nun 43%. Á radiografía da enquisa, o Atlas de Renda do INE engade unha fenda de case 16.000 euros entre o barrio máis rico e o máis pobre da cidade. Segmentos distintos, angustias diversas, realidades económicas dispares, suxestións necesariamente diferenciadas.
Esa heteroxeneidade, porén, non impide identificar tendencias transversais que percorren todo o espectro cidadán. O desleixo da vía pública encabeza as preocupacións co 27%, pero o caos do transporte e a mobilidade acumula un 23% adicional de mencións, e un revelador 15% sinala directamente a mala xestión dos cartos públicos como o principal problema. Este último aspecto apunta ao corazón do goberno municipal ultra, onde o espectáculo permanente e a crispación como método amosan os seus límites ao quedar exposta a súa impericia na xestión e a inexistente rendición de contas no malgasto de recursos públicos. A valoración persoal dos líderes vai na mesma dirección, pois ningún supera o 4,5 sobre 10, sendo o mellor puntuado un opositor nacionalista. O efecto sorpresa de Democracia Ourensana esgotouse e a cidadanía xa albisca o rebumbio detrás do circo.
A conclusión a extraer da sondaxe non debe ser desa-lentadora
Con ese pano de fondo, inqueda o panorama da oferta política. O PP carece de candidato. O PSOE afronta o seu peor resultado histórico -un 17,3%, por baixo do seu propio chan de 1979- sen renovación nin relato alternativo á vista. O BNG ten o líder mellor valorado pero non conta aínda cun proxecto municipal diferencial que sosteña o seu crecemento. Secasí, coñecer ao electorado non significa renderse a el sen máis. As propostas deben responder a un proxecto ideolóxico coherente porque, sen esta ancoraxe, a política de demanda convértese en puro oportunismo. Os portadores dese programa tamén deben estar á altura. A cidadanía non entendería que as derivas de designación de candidatos que conduciron ao actual marasmo se perpetúen nun ciclo electoral que, a xuízo das enquisas, a oposición vai ganar.
A inflación de fotos, mensaxes, reels e performances en redes non agocha o baleiro de substancia. A política local instalouse nun “todo comunicativo” feito de contidos improvisados, sen fío coherente, sen programa detrás, sen ningún deseño. O vídeo do autobús que non aparece, a denuncia sen proposta alternativa e a declaración de intencións sen consecuencias non suman votos. Ao contrario, erosionan a credibilidade de quen as practica e afastan o electorado que se pretende conquistar. Fronte a ese modelo, a experiencia recente apunta noutra dirección. Políticos como o neerlandés Rob Jetten ou o neoiorquino Zohran Mamdani impuxéronse conectando con amplas franxas de electores a través dun discurso optimista adobiado de propostas, sobre a base dunha sólida folla de ruta e dunha xenuína transmisión de confianza. Para Jetten e Mamdani a comunicación foi o envoltorio, non o produto.
A conclusión a extraer da sondaxe non debe ser desa-lentadora. A enquisa entregoulle á clase política ourensá un instrumento de extraordinario valor, pois revela o que angustia ao seu electorado, como se percibe cada segmento cidadán e onde se atopan as grandes eivas incluso dentro dos propios caladoiros. O primeiro partido que faga os deberes en serio -que identifique a quen se dirixe, que lle ofreza solucións concretas e verificables, e que as encaixe nun proxecto de cidade coherente- marcará diferencias cara as municipais de 2027. O 72% dos ourensáns que non quere a Pérez-Jácome como alcalde non só é un frío dato, é un mandato cívico sen acuse de recibo. Cando o electorado sabe o que quere e a política non sabe ofrecelo, o problema non é de comunicación. É de oferta política.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ESQUELAS DE OURENSE
Las esquelas de este jueves, 26 de febrero, en Ourense
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Jueves, 26 de febrero