Manolo Lanchas, l’esprit da escultura

Publicado: 10 mar 2025 - 00:30 Actualizado: 10 mar 2025 - 01:16
Velutina e, no fondo, Caminha (i). Reinterpretación dunha icónica imaxe dun film de Billy Wilder (arriba). Manolo Lanchas co Avestruz e o arqueolóxico cabalo grego (abaixo).
Velutina e, no fondo, Caminha (i). Reinterpretación dunha icónica imaxe dun film de Billy Wilder (arriba). Manolo Lanchas co Avestruz e o arqueolóxico cabalo grego (abaixo).

Un Trono de ferro baleiro, na colectiva do Auditorio Poeta Manuel María de Carballiño, foi o primeiro contacto coa obra de Manuel Lanchas, cinco anos xa. Alí no fondo da sala, achábase a gran cadeira semellante a da serie dramática televisiva Juego de Tronos, fantasía medieval que se exhibiu naquela década pre-Covid 19, disposta monumentalizada diante dun marco vermello e cunha ampla alfombra diante, cun cordón sostido por espadas-moxón, símbolo do poder dende o ferro reciclado. Diante achábase Sax o polbo, símbolo culinario de referencia da vila, que faloume dende a súa elaborada forma metálica indicándome que lle faltaba o pan da miña terra natal, Cea, para bailar no padal... Esta obra, e aquela, unha referencia explícita das Xociviga, esencia histórica da exhibición do cine en Ourense, estaban na Ar(t)enteiro que reuniran Óscar o Gonfer e Juan Manuel Rodríguez.

Son obras de construción, como tamén Avestruz, un gran peixe ou a xigantesca avespa Velutina de ferro pendurada do teito, nas que expresa dende a mimese reprodutiva habilidade e mestría de artista maduro

As pezas mais significadas da mostra do CCMV, sala 0, son as elaboradas por adición de elementos, cos que constrúe con habilidade de artesán, e a calma debida. No seu taller, Lanchas foi acumulando experiencia no artellado dos animais, que constrúe con materiais de refugallo, xa da rebusca na ferralla, utilizados nas labores do campo ou de aparellos mecánicos, que recicla para transmitir habilidade e beleza dende a evocación, .caso do monumental Pavo real, feito con ferraduras e grandes cravos de fundición, principalmente; ou un acaído cabalo de madeira, de gran porte, que escolle para presidir esta súa mostra auroral. Para elo foi ás crebas máis alá da desembocadura do Minho, lado portugués, por Vila Praia de Âncora, municipio de Caminha, que lle nome á peza. Son obras de construción, como tamén Avestruz, un gran peixe ou a xigantesca avespa Velutina de ferro pendurada do teito, nas que expresa dende a mimese reprodutiva habilidade e mestría de artista maduro. É así, este animalario variado, reino do asombro plástico e principal desempeño seu.

Distinto é cando se enfronta ás obras figurativas humanas, de pequeno formato e tamén con metal soldado, esculturas sólidas tituladas Ingravidez, Más difícil todavía ou Siesta en la nube (sic), alusivas ao circo, ou ao círculo próximo dos afectos, Familia, Sara y Xavi (Jugando), Abrazo, nai e filla... e espelidas mulleres, algunha bailarina. Pulidas, e fusiformes, son outro abano do elenco. E con poesía tenta unha escena de traballo en Vendima. Foi así Manuel Lanchas facendo un mundo durante anos dende a súa vivenda de “colaxe arquitectónico coa contorna natural e rural”, como describe o seu amigo artista Miguel Mosquera, en Casdemendo, lugar de santa Comba de Gargantós, concello de san Cibrán das Viñas. A praxe cotiá dos dous ten sido o traballo profesional nunha entidade bancaria, con similitudes plástica, alomenos nalgúns aspectos, próxima. E no da rebusca tamén o Moxom adoita facelo, e antes Florencio de Arboiro. E o carballinés Xesús Carballido, aínda que noutro contexto. E tamén dende o cine, como sinalei ao comezo, expresado aquí na icónica escena do film de 1955 de Billy Wilder “The Seven Year Itch”, entre nós La tentación vive arriba, tradución libre, con Marilyn Monroe sobre unha reixa de ventilación do Metro acompañada dun cameraman, e non polo seu partenaire Tom Ewell. E a fotografía de 1932 de once traballadores comendo a máis de 250 metros nunha viga dun rañaceo de Nova York en construción. Un deles era Natxo Ibargüen, un biscaíño. Excelente debut.

Contenido patrocinado

stats