Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
As Irmandades da Fala representaron un paso adiante cualitativo do povo galego na defensa e promoción da lingua, da cultura e historia do país, co que isto ten de valoración do propio e como contribución á riqueza na diversidade da humanidade, máxime cando este obxectivo está vencellado á loita a prol da soberanía nacional e da xustiza social. No ano 1915, o escritor Aurelio Rivalta fixera un chamamento neste sentido na revista Estudios Gallegos. Porén sería Antón Villar Ponte o que comezou, o 5 de xaneiro de 1916, unha campaña pra levar adiante o proxecto.
A primeira xuntanza celebrouse nos locais da Academia Galega, na cidade da Coruña, o 18 de maio de 1916. Acudiron 20 persoas, coa finalidade de crear unha liga de amigos do idioma galego. Deseguido naceron noutras cidades e vilas asociacións semellantes. Na agrupación de Ourense integráronse persoeiros como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. O voceiro das Irmandades da Fala sería A Nosa Terra, cabeceira que antes o fora de “Solidaridad Gallega” (1907-1912).
As Irmandades non xorden ao chou, son parte dun proceso de maduración na conciencia política, e da necesidade de dar resposta a unha agudización do atraso económico, da subordinación política, e das contradicións na sociedade galega.
Entre os antecedentes hai que destacar algúns de tanta importancia como a Revolución de 1846 e o banquete de Conxo en 1856. A publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro en 1863 e a Historia de Galicia de Vicetto en 1865. As revoltas agrarias do sexenio, con ducias de mortos. A insurrección de mariñeiros e operarios no Ferrol en 1872. A creación do Partido Republicano Gallego en 1873, que reclamaba un governo propio pra Galiza, así o esixiu a Asemblea Federal de Compostela á que asistiron 545 delegados. Ou o primeiro xornal exclusivamente en galego, O Tío Marcos da Portela, dirixido por Lamas Carbajal en 1876, e a creación da Academia Galega en 1906.
Moitos/as dos que integraron as Irmandades da Fala estaban ligados coas loitas sociais da época. Lembremos o seu papel nas asembleas agrarias que potencian a mobilización contra o sistema foral e apostan por unha revolución tecnolóxica que aumente a renda labrega. Polo tanto as Irmandades amosan na práctica que as condicións de vida, a igualdade, a soberanía nacional, a identidade e lingua, xa eran pra o nacionalismo partes do proxecto de país. Aínda así, e existían diversidade de opinións respecto destes temas, e mesmo da folla de ruta a seguir.
Daquela a importancia da Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918, onde se definen as bases do proxecto común.
Deste congreso sae un programa progresista, que considera que sendo Galiza unha nación este termo reflicte mellor o movemento iniciado polas Irmandades que o de “rexión”. O manifesto que se aproba na Asemblea reivindica, entre outros aspectos: “a autonomía integral pra Galiza (...) unha soberanía, completa e sen cativeces”. Ademais proponse: a federación da Iberia con Portugal, e dar pulo as relacións co país irmán; a igualdade de dereitos pra muller; a eliminación as deputacións provinciais; réxime tributario sen intervención do poder central; a nacionalización dos ferrocarrís; etc. Polo tanto ten súa lóxica que moitas das persoas que integraron as Irmandades da Fala estivesen ligados coas loitas sociais da época, e que fosen semente tanto de ORGA como posteriormente do Partido Galeguista.
Por último, sinalar que no número 136 d’A Nosa Terra (voceiro das Irmandades da Fala) do 15 de marzo de 1921, destacaba: “Johán Viqueira, Risco, Cabanillas e Castelao son as colunas do movimento nazionalista galego. Son os homes representativos da cultura enxebre, que ten outro filosofo ó seu servicio: Losada Diéguez, i-un xurista: Banet Fontenla”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
BALONCESTO FEMENINO
El primer brindis de Suso Garrido por el Ensino
PROGRAMA SEMANA SANTA
Magia, religión y cultura en la Semana Santa de Ribadavia