Opinión

O PRIMEIRO CONGRESO AGRARIO NA GALIZA

Promovido pola Federación Provincial Agraria de Ourense realizouse, hai agora noventa e un anos, o primeiro Congreso Agrario de ámbito galego. Deste xeito dábase continuidade ás sete asembleas agrarias, que comezaron en 1908 en Monforte e remataron en 1919 na Coruña, e das que dúas se fixeron na vila de Ribadavia. Este Congreso Agrario realizouse os días 28, 29 e 30 de xullo de 1922 na cidade de Tui, e foi todo un éxito.


Segundo o periódico A Nosa Terra (ANT) este congreso distinguiuse por refugar o envío de solicitudes ás institucións e asemade nel fíxose unha dura crítica da asemblea agraria da Coruña, xa que entendía caera en maus de caciques. Ademais ANT sinalaba que aínda que a xente lle chamaba congreso rexional no futuro tiña que se denominar nacional. O periódico das Irmandades facía unha dura crítica a anteriores asembleas agrarias: 'As asembleas de Monforte, que botaron as bases da ideoloxía agraria galega, tiveron o defecto de ser asembleas excesivamente gobernamentais (...) sen que nelas se sentise a acesa rebeldía do noso agro, eran unhas asembleas de xentes que aínda non se atrevían a reclamar de cheo as súas liberdades'.


Os xornais salientan que o teatro onde se realizou o Congreso estaba ateigado de bandeiras das distintas sociedades agrarias presentes, un total de 124 que representaban a 47.000 afiliados/as. Participaron dos debates o primeiro dia 109 delegados, que escolleron como presidente a Basilio Álvarez, vicepresidente a Dionisio Quintillán, e secretario a Ramón Salgado Picouto da Federación de Ourense. Cada delegado tería dez minutos pra intervir.


O tema central dos debates foi, mais unha vez, a cuestión dos foros, a maioría inclinouse polo abolicionismo. Concretamente neste aspecto decidiuse que: 'A partir desta data as eleicións deben ser antiforais. Non se votaran deputados a Cortes nen provinciais sen que estes declaren antes solemnemente que no Parlamento e Deputacións van pedir a absoluta abolición do réxime foral e de que van loitar con todas as súas enerxías por solucionar axiña os problemas agrarios'. Nas reunións do día 29 de xullo o delegado de Tui pediu que se fixera unha resistencia pasiva ao pago dos foros.


O Congreso non estivo exento de polémica. Así, salientan os xornais que o primeiro día o delegado da 'autoridade' chama á orde a un dos oradores por 'pedir a liberdade dos presos políticos e que non continúen no goberno os conservadores'. Ao día seguinte o alcalde de Tui informou a Basilio Álvarez que recibiu un telegrama do Gobernador Civil prohibindo o mitin proxectado para o día seguinte, domingo. 'A leitura da nota foi acollida con grandes protestas, afirmando Basilio Álvarez, que malia a prohibición o mitin celebraríase'. ANT destaca que ao mitin asistiron milleiros de persoas e que posteriormente se agasallou ao presidente do Congreso Basilio Álvarez cun banquete, por consideralo 'alma mater do actual renacer agrario'.


Días despois de se celebrar o Congreso realizouse un mitin agrario en Ourense, nel falaron Melquiades Álvarez e Basilio Álvarez, seica o segundo proclamou a Melquiades como xefe do agrarismo galego. ANT manifestaba a este respeito a súa desconformidade xa que Galiza só debía ser dirixida por galegos (Melquiades fundou en 1912 o Partido Reformista e na época do Congreso de Tui estaba próximo ao Partido Liberal da monarquía). Poucos meses despois deste Congreso, na bisbarra de Tui aconteceron os tráxicos feitos de Sobredo, cando os campesiños se negaron a pagar os foros. A Garda Civil disparou sobre unha concentración de 2.000 persoas, morrendo tres labregos e causando dez feridos. Ao fío destes feitos Basilio Álvarez escribiu no xornal La Zarpa: 'Xa temos bandeira, os mortos; xa temos soldados, os campesiños; xa temos patria, Galiza'. No ano 1926 redimíronse os foros.

Te puede interesar