Opinión

Volve o centralismo, ou nunca marchou?

Os datos sobre a situación da economía e do emprego do primeiro trimestre, e as previsións pra todo o ano, tanto no Estado español (EE) como na UE e en todo o mundo amosan a profundidade da crise. No mes de marzo o comercio retallista no EE caeu un -15,3%, malia que a situación de emerxencia só afectou medio mes, e no 1º trimestre e a economía recuou un -5,2%. Pola súa banda o PIB dos Estados Unidos, a maior potencia mundial, retrocedeu neste mesmo período un 4,8%, malia que a pandemia chegou máis tarde. Son cifras que converten en conservadoras as previsións do FMI respecto dunha caída pra este ano de entre o 7%-9% das economía máis fortes da da OCDE. 

Tendo en consideración a enorme interdependencia, especialmente entre os países con maior renda por persoa, por exemplo os europeos, todo amosa que serán arrastrados polas tendencias mundiais. Son as consecuencias dos privilexios e ataduras de estar fortemente ligados ás cadeas de valor internacionais das grandes corporacións e potencias. E neste aspecto a deslocalización industrial, o turismo de masas, e sobrevaloración do comercio exterior, que se consideraban aspectos positivos, o tempo terminou demostrando que son un lastre en momentos de crise pra recuperación do tecido produtivo e o emprego, xa que reduciron a diversidade produtiva. 

Daquela que moitas criticas, mesmo de sectores que seguen apostando pola globalización, estean centradas na dependencia industrial de China, esquematizando o problema por razóns ideolóxicas. Esquecendo que as políticas neoliberais e unha dependencia tan grande de circuítos de produción tan lonxanos, creou dependencias igual de fortes con outras potencias, e países que cumpren un papel subalterno. Tampouco se pode obviar que pra alén dos circuítos comerciais da industria son igual de importantes, xa que inciden nos hábitos, aquelas actividades exteriores relacionadas co turismo de masas e a produción agrícola industrializada. Esta última necesita de inmigración masiva temporal pra recoller a produción. Lembremos que a agricultura intensiva, con salarios cativos e condicións de traballo cuestionábeis, foi máis un mazazo ao mundo rural galego e en xeral da produción agrícola local e familiar en toda Europa. 

Neste contexto, e cos fortes retos sanitarios e económicos que hai por diante, non parece ser a mellor opción manter confinados os dereitos políticos e sindicais básicos. Tampouco é de recibo que se aproveite o estado de emerxencia pra seguir tutelando a sanidade no proceso de “desescalada”, unha competencia transferida ás autonomías. Máxime nun intre no que cómpre ter moi en conta as particularidades de cada comunidade, especialmente aquelas que teñen unha identidade propia máis acusada, como é o caso de Galiza. E, sobre todo, resulta difícil de entender que non se pactase con elas o proceso. Aínda que este comportamento tamén se reproduce pola Xunta segundo a oposición. 

Tamén é un paso atrás, nas regras de xogo democráticas, que pra analizar as fases da “desescalada” non se tome como referencia cada área sanitaria e que se propoña no seu lugar a provincia, coa escusa de que así se rexeitan “consideracións políticas e ideolóxicas” xa que “o virus non sabe de fronteiras”. Se fose deste xeito, a área sanitaria, que está definida en función de consideracións asistenciais, sería a opción lóxica e non a provincia que é un residuo do modelo centralista. 

Por último, esta fase necesita de máis matizacións, pola súa complexidade, xa que se poden colocar en perigo servizos nos que o lugar e o espazo físico forma parte do valor engadido (bares, etc). Cómpre un proceso de adaptación e axudas nalgúns casos, están en xogo moitos empregos. Non deberían pagar os máis pequenos as desfeitas dun modelo económico feito á medida dos grandes.  

Te puede interesar