Marx para reconectar á esquerda

Publicado: 20 nov 2025 - 04:05
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Alén dos cálculos do bipartido encuberto DO-PP, que Ourense teña un rexedor como Pérez-Jácome responde fundamentalmente á ausencia de alternativa política clara, coherente, atractiva e capaz. No que respecta á bancada progresista, esta carencia non é froito da casualidade, senón un mal estrutural que reflicte unha esquerda retórica que concentra o groso do seu discurso en valores posmateriais que, aínda que lexítimos e dignos de louvanza, obvia as necesidades materiais urxentes da maioría social. Como agravante, os perfís que a enarboran carecen de lexitimidade simbólica e experiencia vital demostrábel susceptible de adobiar dunha pátina de credibilidade calquera iniciativa. Isto tradúcese en fórmulas comunicativas baleiras, superficiais e sen solidez, que evidencian desconexión co terreo ao reproducir mensaxes importadas desde instancias alleas á realidade local. Estas dinámicas impiden ofrecer un horizonte alternativo de cidade, nutrindo a desafección cidadá e permitindo que opcións como DO ou PP se perpetúen a través da mera xestión do existente sen ambición transformadora, instaladas no determinismo do noso subdesenvolvemento.

Transcendendo a habitual práctica de eludir responsabilidades e invocar supostas limitacións competenciais, Ourense require de políticas transformadoras no ámbito municipal. Precísanse investimentos na rehabilitación de edificios abandonados para vivenda asumible, promoción do comercio de proximidade nos barrios, comedores escolares universais e actividades accesibles a todas e todos, programas de integración comunitaria, medidas que faciliten a conciliación, transporte público gratuíto que conecte razoabelmente os barrios, dinamización de espazos públicos e investimentos produtivos estratéxicos que atraian operadores susceptibles de xerar oportunidades e inserir a capital en dinámicas globais máis amplas. Porén, o discurso político céntrase en proclamas sen contido real, declaracións copiadas de gabinetes centrais e páxinas de prensa, slogans descontextualizados e reprodución de liortas importadas do noso máis próximo oriente (madrileño). A reprodución acrítica de mensaxes alleas rompe o que debería constituír o ADN da esquerda municipal: conexión orgánica coa xente e capacidade de escoitar antes de pontificar.

Tan deostado por algúns, unha atenta relectura da súa obra amosa que Marx non ofrece solucións prefabricadas senón un método de análise que identifica contradicións entre acumulación privada e necesidades colectivas, apto para analizar os intereses en liza e construír alternativas que transformen as condicións existentes. Este enfoque contrasta co que o filósofo Dan Williams denomina “catastrofismo de confort”, ese discurso apocalíptico paralizante que denuncia males sen propor alternativas viables e que resulta cómodo para quen goberna porque exime de responsabilidades políticas concretas. Este catastrofismo encaixa coa lóxica de quen nos administra, sexa DO ou o PP na Deputación, que rexen a mediocridade sen ambición ao tempo que poñen o acento en males abstractos e imputan a instancias superiores o resultado do seu desleixo. Fronte a isto, o materialismo esixe ancoraxe no tanxíbel mediante estudo de problemas específicos, identificación de recursos dispoñibles e deseño de políticas factibles sen escudarse en eventuais limitacións que as máis das veces son escusas para non actuar e agochar a súa cativeza.

Cesar Rendueles acuñou o concepto de “economía mitolóxica” para describir a substitución de cambios materiais por narrativas simbólicas. Na práctica local, isto maniféstase na multiplicación de mensaxes grandilocuentes sobre “modernidade” sen alterar as disparidades estruturais entre barrios. Thomas Piketty ou Nancy Fraser demostran que combater a desigualdade require políticas redistributivas ambiciosas desde o ámbito municipal, subordinando democraticamente o mercado ás necesidades da poboación. Adquire aquí senso a proposta de Rendueles de “fabricar cidadanía”, entendida como a construción de maiorías sociais arredor de precisos obxectivos materiais. Desde unha óptica municipal isto podería implicar fiscalidade progresiva que grave operacións especulativas, planificación urbanística contra a segregación espacial, participación veciñal vinculante nos orzamentos, estándares mínimos nos servizos públicos independentemente do barrio, ou atraer investimento privado produtivo vencellado a emprego de calidade. Medidas progresistas realizables, orixinais, conectadas coas necesidades materiais da veciñanza, que tan só requiren de vontade política, capacidade e competencia para ser implementadas eficazmente.

Unha alternativa crible de esquerda debe escoller entre perseverar a presentar perfís tan heteroxéneos como inoperantes -militantes por inercia, arribistas sen traxectoria demostrable ou novas xeracións apoutadas no posmaterial- ou reconstruírse como forza capaz de alterar as condicións materiais reais. Recuperar a Marx significa aplicar o seu método ás contradicións locais para identificar problemas concretos e construír alternativas factíbeis. O desafío é superar a economía mitolóxica que substitúe acción por relato e o catastrofismo de confort que denuncia sen edificar. A vitoria de Jetten nos Países Baixos e Mamdani en Nova York amosa que quen aspira a gobernar tamén debe ilusionar cun discurso en positivo que ofreza un porvir diferente. Ourense precisa unha esquerda que probe que o declive non é destino inevitable a través dun proxecto acaído coa realidade cidadá, coas súas materiais necesidades e lexítimas aspiracións de mellora. Marx segue vixente porque as contradicións que examinou persisten nas nosas rúas. Cómpre actualizalo con pragmatismo e sen dogmatismos, devolvendo á política local a súa dimensión estratéxica e a capacidade para cambiar vidas concretas.

Contenido patrocinado

stats