Médicos ou tricornios: o populismo que nos distrae

Publicado: 27 nov 2025 - 03:40 Actualizado: 27 nov 2025 - 09:36
La Región

Entre moitos andazos, a provincia enfronta unha emerxencia sanitaria ben documentada e unha inédita catástrofe ambiental. Valdeorras viu saír á rúa case 5.000 persoas baixo a chuvia reclamando pneumólogos nunha comarca con alta incidencia de silicose, pediatras, especialistas e redución das listas de agarda. En agosto padecemos unha vaga de incendios que, conforme a datos do sistema EFFIS-Copernicus, calcinou 170.000 hectáreas só en Galicia, o 97% delas en Ourense, converténdose na maior catástrofe forestal rexistrada na provincia. Tres meses despois, a resposta institucional segue sendo inexistente. A Deputación non contempla nos orzamentos para 2026 ningunha achega específica. O PP ten outras prioridades, como activarse obsesivamente arredor da Garda Civil, construíndo un relato alarmista de inseguridade que revela máis sobre estratexia electoral que sobre ameazas reais, desviando de paso a atención das responsabilidades da Xunta en xestión sanitaria e forestal.

Ana Vázquez encarna esta liña desde o Congreso, arremetendo sistematicamente contra Marlaska e promovendo concentracións en concellos. A moción “relativa ao reforzo de efectivos da Garda Civil na provincia de Ourense” aprobada pola corporación provincial o pasado xuño non é un caso illado, senón a máis recente das iniciativas que PP reproduce en distintos momentos e instancias. O argumentario evoca perigos difusos a través de referencias ao apagado do 28 de abril, a supresión do Seprona en Cataluña (sic) ou aos 200 quilómetros de fronteira con Portugal. A retórica activa medos e identifica culpables: o Goberno progresista, o ministro socialista e as elites urbanas que abandonan o rural. Promete protección a través da forza e a restauración dunha orde perdida, entoxándose unha táctica electoralmente eficaz porque opera no rexistro emocional e, ao tempo, permite atacar o sanchismo coma fonte de todo mal e eludir competencias propias.

A presenza da Garda Civil en Ourense mantén unha das ratios máis altas do Estado con relación á poboación. Hai problemas de cobertura de vacantes, dificultades operativas en período estival e recursos materiais limitados, cuestións graves pero que distan da evocada apocalipse.

Tal discurso encaixa nas dinámicas que Jason Stanley identifica en How Fascism Works como características do populismo autoritario contemporáneo. Segundo este, a nova política fascista opera mediante a construción dun grupo virtuoso fronte a outros corruptos, a evocación dun pasado mítico ameazado e a sistemática instrumentalización do medo para atraer apoios. A inseguridade non precisa ser real para resultar politicamente útil, basta con crear a percepción de ameaza e canalizala estratexicamente. O rural convértese aquí en repositorio de valores puros ameazados. A Garda Civil, coa súa fonda carga simbólica, que Diego López Garrido descifrou en La Guardia Civil y los orígenes del Estado centralista, funciona como significante dunha España que se estaría a perder. Non é casual que o PP ourensán dedique máis enerxía a denunciar supostas reducións de efectivos da Benemérita que a reclamar médicos ou plans de recuperación. Os indicadores contan outra historia que o discurso alarmista ignora. A presenza da Garda Civil en Ourense mantén unha das ratios máis altas do Estado con relación á poboación. Hai problemas de cobertura de vacantes, dificultades operativas en período estival e recursos materiais limitados, cuestións graves pero que distan da evocada apocalipse. Namentres, a provincia ardeu literalmente. Ducias de milleiros de hectáreas arrasadas en múltiples comarcas, familias que o perderon todo, sectores produtivos en risco e ecosistemas devastados. Alén dunha “mesa de incendios” que aínda non se reuniu de xeito efectivo, a Deputación non contempla partidas específicas nos orzamentos. Esta operativa encaixa no populismo de dereita radical que analiza Cas Mudde en The Far Right Today, ao empregar unha linguaxe simplificada, designar culpables claros e desviar a atención cara problemas secundarios que mobilizan malia que evadan os auténticos desafíos.

Merecemos un debate político á altura dos nosos retos, non cortinas de fume que eviten facer fronte aos fracasos na xestión pública

O contraste coas reais necesidades provinciais é demoledor. Consultorios rurais pechan por falta de profesionais, embarazadas son derivadas a 120 quilómetros por non haber incubadora de reserva, anciáns que viaxan horas para revisións de marcapasos e pacientes oncolóxicos que deben desprazarse repetidamente á capital. As comarcas afectadas polos lumes agardan fondos que non chegan mentres solos arrasados sofren erosión masiva e captacións de augas rebordan sedimentos. As prioridades do PP están claras, sendo máis rendible electoralmente arremeter contra o titular do Interior que asumir décadas de políticas que baleiraron o rural de servizos, abandonaron territorios e non investiron en prevención de lumes. Cando milleiros de persoas se manifestan no Barco baixo a chuvia non reclaman tricornios senón fonendoscopios, do mesmo xeito que os concellos arrasados polo lume non piden xesticulacións senón orzamentos.

Merecemos un debate político á altura dos nosos retos, non cortinas de fume que eviten facer fronte aos fracasos na xestión pública. A obsesión cunha pretendida inseguridade carece de sustento nas cifras oficiais, situándose a taxa de criminalidade provincial por debaixo da media estatal e descendendo no último lustro até un 12% os delitos contra o patrimonio. O alarmismo securitario funciona, porén, como mecanismo de evasión das responsabilidades concretas da Xunta en sanidade e prevención forestal. Esta dinámica permite mobilizar apoios mediante medos fabricados ao tempo que se esquiva render contas polas carencias estruturais que derivan da súa maioría de goberno. Quizais sexa momento de que as prioridades institucionais comecen a aliñarse coas urxencias da cidadanía, deixando a comodidade da axitación para encarar a complexidade dos problemas que determinan o futuro colectivo desta provincia.

Contenido patrocinado

stats