Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Medio arco da vella está alá, ó fondo, de fronte. A pesar de que non se ve enteiro, é bonito. Podo dicir medio bonito? Non. Bonito enteiro; ese cacho. É tan bonito que estudo a posibilidade de choutar a el. Sería aínda máis bonita a arroutada esta, a de saltar ó arco da vella e caer sobre algunha cor. Unha calquera. Case mellor a verde, por aquilo da esperanza. Sempre tiven esperanza en todo. Mesmo nas imposibilidades. Se nos falla a esperanza, fallan tamén os soños. E soñar é tan bonito... tan bonito como choutar ó arco da vella. Ou máis bonito aínda.
Se aterro na cor vermella tampouco está mal. É unha cor que destaca, que atrae. Mesmo podo aterrar cun pé na cor branca e outro na azul; así sería como unha representación da bandeira galega. Todas as cores do arco da vella son bonitas, pero, si, estas catro son especiais.
O problema está en brincar para alcanzar ese medio arco da vella. Os meus xeonllos xa non responden como respondían. Desde o día que me lancei desde o alto da torre da igrexa de Baños de Molgas (30 metros), que, si, caín ben, e flexionando perfectamente as pernas, pero souben ó momento que alí algo pasara; nos xeonllos. Oíra así coma un estralo, pero non lle dei moita importancia. Agora si sei que a tivo. Dáme que non son capaz de flexionar as pernas para saltar ó arco da vella. Solución: contemplalo e xa está.
Alá está. De fronte. Bonito de carallo. Caen pingas de auga e, ó mesmo tempo, asoma o sol. Como me gustaría tamén pasar por debaixo del. Semella que está cerca, pero está onde o aire dá a volta. Semella que se pode tocar, mais nin tan sequera consigo choutar a el. Putos xeonllos! Quédame o consolo de admirar as súas sete cores, a estampa que deixa diante dos meus ollos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
AL MENOS UN HERIDO
Una colisión entre dos coches provoca retenciones en Rabo de Galo, Ourense
CÚMULO DE LESIONES
Totó, el pulmón del Allariz
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior