Mencías, BBC, defuntos e a orixe do Xacobeo

Publicado: 28 jun 2022 - 00:05 Actualizado: 07 may 2026 - 10:03

Outro día tomei uns mencías cun par de amigos no patío interior do Hostal dos Reis Católicos en Santiago despois de acabarmos unha entretidísima xornada ao redor das emisións galegas, vascas e cataláns da BBC, no Consello da Cultura Galega, nunha salas do Palacio de Raxoi, en pleno Obradoiro. Non os vou aborrecer, pero houbo intervencións interesantísimas sobre estas emisións por parte dos seus estudosos catalán e vascos -Cinto Niqui e Leyre Arrieta-, e sobre a historia de Radio España Independente, Radio Pirenaica, -por parte de Luís Zaragoza, da RNE, que leu as súas excelente disertación partindo do texto en braille- e, tamén, sobre a curta experiencia de Margarita Ledo en Portugal cando a “revolução dos cravos”. O reputado xornalista que fai de correspondente en España para a BBC, Guy Hedgecoe, contounos a historia das emisións mundiais da BBC desde 1932 a hoxe, e unha galega de raíces na Arnoia, Inma Gil Rosendo, á sazón redactora multimedia e analista de datos e estratexia en YouTube para o departamento de Desenvolvemento Dixital do Servizo Mundial da BBC fíxonos abrir a boca aos máis conservadores. Vostede e eu, non nos enganemos.

Contounos que desde o 2021, o número de accesos á información da BBC por Televisión e Radio, foi inferior ao das novas plataformas, entre as que destaca o expoñencial medre de Tik-Tok. Ou sexa, as redes sociais, cos seus contidos de poucos segundos, témome acaban coas reflexións elaboradas e tertulias demoradas. Hai que dar á xente nova as cousas mastigadas, en “pilulas”. Dáme medo. E rematamos a xornada o profesor Antonio de Toro e este que lles escribe arestora, falando das emisións galegas; el, cunha visión centrada nas lembranzas de Paco del Riego, e eu reivindicando o escurecido, por el, rol dos ourensáns -Raimúndez, Leuter, Ben Cho Shey- en base aos epistolarios cruzados, pois sonlles da quixotesca idea de “falen cartas e calen barbas”.

E o viño, logo. Chovía e fomos ao lugar máis próximo. Mencía, xamón e queixo. E lembranzas. Luís Menéndez Villalva leva décadas fóra de Ourense; xa é case santiagués. Xosé Lois Carrión, apegado sempre á calor do bafo da Burga. Compartiron colexio Franco-Español na Praza do Ferro. Lembranzas e máis lembranzas. E, como nos imos facendo vellos, repaso de defuntos; próximos e afastados, daquela época avolta dos oitenta e noventa en que a sega foi dura. E para darlle un xiro á conversa, comenteille que eu o consideraba a el -e agora llo digo a todos vostedes- como pedra basal da inventio xacobea dos tempos modernos, e que me perdoen o amigo Luís Celeiro, a servilleta do Gato Negro e Víctor Vázquez Portomeñe. E deixoume falar. Lembreille que hai moitísimos anos -el aseguroume que 40, ou sexa en 1982,- fixera o camiño a Compostela e lembro as súas crónicas de viaxe publicadas en La Región contado as vivencias do camiño, xornada a xornada. Once anos despois, en 1993, os deseñadores pariron o xeométrico “Pelegrín” e a Xunta comezou a impulsar este fenómeno.

Luís Menéndez comentaba, que seguramente aquela viaxe inicial estaba tamén na raíz da súa devoción polas series ambulantes. Polos nosos emigrantes “Galicia no mundo” (1988) -logo tan copiada por todas as televisións de España-, polas identidades próximas “Terras de Merlín”, países celtas (2003) e “Terras de acolá”, países lusófonos (2008), ou polas exóticas de cando a expansión ao leste da Unión Europa, ou seguindo o rastro da monxa Exeria. Si. Non me estrañaría que Celeiro ou Protomeñe leran as crónicas de Luís, dez anos antes. Todo está sempre relacionado. Todo nace en Ourense. Hai corenta anos.

Contenido patrocinado

stats