Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Cadaquén, da súa casa
Ata hai corenta ou cincuenta anos, a maioría pensaba que todos os hábitos culturais nos que se desenvolvía a súa vida eran moi antigos. O motivo fundamental era que case ninguén tiña memoria do comezo de tales tradicións, e daquela os eruditos andaban escasos. Pasaba algo parecido coas paisaxes: un nacía entre viñas, socalcos e piñeirais e pensaba que alí sempre houbera viñas, socalcos e piñeirais; e o mesmo lle pasaba ó que nacera noutro tipo de paisaxe. Ata sucedía o mesmo coas institucións, pois raramente se cavilaba en que noutro tempo foran diferentes. Agora o mundo é máis cambiante e hai internet; en consecuencia, esta forma de pensar mudou algo.
En liña con isto, cría eu de rapaz que as mimosas sempre habitaran no Ribeiro: que nos outonos os ribeiraos sempre foran ós mimosais para facer a madeira das viñas; que as rosquilleiras sempre engarzaran as rosquillas que levaban ás festas en pauciños de mimosa; que as uvas do tostado sempre se colgaran do fallado en gallas de mimosa, e que os mozos e as mozas sempre adornaran os seus sombreiros de entroido cos ramos amarelos e recendentes das flores das mimosas.
Pero lembro ben o día no que, sendo rapazote, descubrín a falsidade de todas esas crenzas: as mimosas viñeran de fóra e levaban pouco máis de medio século no Ribeiro. Foi un veciño, ó señor Luís ‘O Abeledo’ -que morreu con cerca de cen anos haberá quince-, quen me contou o que seu pai lle dixera: que cando era mozo –no último cuarto do XIX- aínda non había mimosas na contorna de Leiro, e que as primeiras plantáranse en Berán, a onde ían a mercalas os dos pobos veciños. Pouco despois plantáronse por todo o Ribeiro. Contoume tamén que as estacas de antes das mimosas eran case todas de castaño, e que se lles queimaba a punta para que durasen máis, por iso lles chamaban "latizas"; pero que a enfermidade da "tinta" trouxera moita escaseza desta madeira. Sospeito que un relato semellante se escoitou por tódolos vales de Ourense, pois en todos se cultivaba o viño e se precisaban estacas.
Esa historia fixo que sempre estivese eu atento ós datos sobre as mimosas. E se algún estudo retrasa a súa chegada ata despois de 1930, a maioría coinciden en que foron plantadas por primeira vez cando a chegada do tren a Galicia, nos terrapléns da vía férrea, para aseguralos. Para demostrar a falsidade da primeira data basta un verso dun poema de Samuel Eiján dedicado ó pombal da súa casa de San Clodio, publicado en 1913. Di: «Tiña por detrás mimosas para lle formar cortexo»; e alí continúan, o pombal e as mimosas. E con respecto á segunda data, vexan o que dicía esta cantiga popular: «Na túa horta, meniña, hai un pé de malva rosa; dáme del unha poliña, que eu cha darei de mimosa». Foi recollida por Marcial Valladares en 1867, cando aínda non asubiara ningún tren en Galicia... Si, por veces, a poesía tamén é unha arma cargada de pasado!
Estamos en tempo de mimosas. Tamén de desmemorias e desagradecementos. A mimosa, que en Francia ou en Italia é cultivada e a súa flor constitúe un bo negocio, pasou aquí de ser cantada a ser aldraxada. Con frecuencia é tratada de inimiga e de invasora, e ata no dicionario da RAG figura este exemplo de uso: «as mismosas inzan tanto que constitúen unha verdadeira praga». Mentres, ninguén se acorda dos servizos que prestou nin da nota de alegría paisaxística e cultural que lle puxo ó tempo do entroido. É certo que ultimamente se expandiu nalgúns lugares de xeito descontrolado. Pero non é culpa dela. Pensar iso é confundir os síntomas coa enfermidade. Porque a verdadeira enfermidade, sabémolo ben, é o abandono do campo e a extinción da sociedade rural galega.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Cadaquén, da súa casa
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
El desembarco de Simón
Xaime Calviño
LA PREGUNTA DEL DÍA
En Portada: Ahorro ourensano, ¿economía saneada o estancada?
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Tartufo
Lo último
VISITA DE TRUMP A CHINA
La tregua de la guerra en Irán, en un punto crítico mientras siguen los contactos
36,6% CAMBIARÍAN DE EMPRESA
El 75,6% de los españoles está insatisfecho con su salario
REAL DECRETO-LEY
Luz verde a un copago más progresivo de las medicinas