Mirada clara, frente levantada

Publicado: 19 nov 2024 - 22:03

Diralle algo ós rapaces, de entre vinte ou trinta anos, tal día coma o de hoxe? Coido que non, cando menos á maioría deles. Arthur Schnitzler daba por feito que, por forza, o que determina o ambiente dun país non é outra cousa máis ca política e non a ciencia, nin tampouco as artes. Penso que algo de razón non lle falta. A política pra el ven sendo un proceso continuo que pende enriba das nosas cabezas tal e como se fose o horizonte; e dicir, algo que está aí, queirámolo ou non. Sucede o mesmo co clima con independencia de que veñan días de frío e días de calor, ameazando chuvia ou avisando dunha tronada.

Se o anterior é certo -e pode que o sexa- caberá preguntármonos cal ambiente estamos a respirar e máis tamén que política e a que o determina. Se o xulgo a partires de min mesmo, o ambiente antolláseme máis ben tirando a miserable e, a partires de confesión tal, poderán deducir os lectores o tipo de razoamentos que han ser os que me leven a cualificar o quefacer político que contemplamos. Estes sonlles tempos borrascosos; cando menos borrascosos

Neles, nestes tempos borrascosos, unha dina ven tras doutra sen remedio. Unha dina ven sendo unha depresión illada nos niveis altos da atmosfera, a mesmiña depresión á que lle dicimos dina en castelán; unha baixa presión atmosférica á que non hai nada denominabamos ciclo xénese explosiva, algo antes rasca, moito antes borrasca ou tamén galerna e, moito máis coloquialmente, un mal tempo de carallo. Algo ten que pasar cando, chamarlle ás cousas cambiándolles ós nomes a cada pouco, sucede tamén a cada pouco.

Advirto que, ó millor, estou a exaxerar. Séino, pero por que o farei. Fareino porque veño dun tempo no que unha baixada barométrica e un cambio de temperatura, observados ó mesmo tempo, eran abondo como pra que, facendo un chamado diagrama de Gachons se puidese advertir a presenza dun ciclón, ou dos seus restos, e así tomar as medidas pertinentes. Pois polo visto xa non é así.

Perdemos o tempo cualificando as cousas dun día pra outro, ata delirar non só coas cualificacións senón mesmo coas condicións humanas, un día é membras, outro é outra cousa; outro máis todos, todas e todes, tamén todxs mentres os políticos se enredan neste tipo de cuestións e así pasa o que pasa. E que pasa? Pois que chega alguén e berra moi convencido que vai facer grande e novo o seu país, sen advertir como o vai facer; tamén que vai arranxar o problema da inmigración, e por aí seguido, pero tamén sen aclarar como, e, entón, a xente que o quere ouvir é iso -e non os xogos de palabras- vai e vota e pasa o que pasa.

A pregunta é a de que vai pasar nas nosas vindeiras eleccións unha vez visto e comprobado que a política actual, a duns e tamén a doutros, é a que é. Mentres tanto xa se empeza a anunciar a bombo e pandeiro que camiñaremos coa “mirada clara y lejos y la frente levantada”. Os rapaces, eses que non teñen outro remedio que seguir no fogar familiar, están esperando afirmacións solemnes e acabarán sabendo que significado histórico ten tal día coma o de hoxe. Schnitzler sabía ben do que falaba.

Contenido patrocinado

stats