Moitas grazas, Ourense

TRIBUNA

Publicado: 22 sep 2026 - 06:10
Primeira formación do Coro De Ruada (1919).
Primeira formación do Coro De Ruada (1919). | Arquivo CDR

En De Ruada vimos de coñecer que nos foi concedido o Premio Ourensanía 2026. Como se poden imaxinar, para toda a familia ruadista foi unha grande alegría que aínda estamos a asimilar. De Ruada, como a maioría de vostedes saben, ten acadado ao longo dos case cento oito anos de historia, multitude de premios e recoñecementos, de feito, hai aproximadamente tres meses que escribía un artigo nestas mesmas páxinas en relación con este tema. Sinalarei, por resumir, os máis importantes, os seguintes: Bandexa de Ouro do Centro Galego de Bos Aires (1931), Medalla de Ouro da Provincia de Ourense (1984), Pedrón de Ouro (1990), Medalla de Galicia na categoría de Bronce (1992), Medalla de Ouro do Liceo Recreo Ourensán (1994), Medalla de Ouro da Cidade de Ourense (1994), Premio “Manuel Lorenzo” do Real Coro Toxos e Froles do Ferrol (2002), Medalla “Gaiteiro de Soutelo” (2007), Medalla de Ouro “Marcial del Adalid” da R.A.G. de Belas Artes “Nª.Sª do Rosario” (2009), Medalla Castelao (2013), Orgullo Gaiteiro de Ourense (2015), Premio Trasalba (2018), Premio Adolfo Enríquez de Vilanova das Infantes (2019), Premio Rebulir de Ramirás (2019), Premio Otero Pedrayo (2024).

Cómpre lembrar con inmensa gratitude o labor inxente e desinteresado das moitas persoas que fixeron posible que De Ruada chegase ata este intre

Temos, polo tanto, o recoñecemento oficial tanto da nosa cidade como da provincia e mesmo de Galicia. Pero o Premio Ourensanía é algo especial, porque, como deixou escrito no seu momento Luís González Tosar, un dos impulsores destes premios, a ourensanía é o noso xeito propio -dos ourensáns- de sermos galegos.

En ocasións coma esta, cómpre lembrar con inmensa gratitude o labor inxente e desinteresado das moitas persoas que fixeron posible que De Ruada chegase ata este intre. Os fundadores: Xavier Prado Rodríguez Lameiro, Virxilio Fernández González, Julio Prieto Nespereira, Fabriciano Iglesias Abella e Cesáreo Eire Santalla. Os presidentes: José Sabucedo Morales, Olegario Muñiz Álvarez, Xavier Prado Rodríguez Lameiro, Antonio García Novoa Perniñas, Luis Pérez Colemán, Manuel Varela Fernández, José Ramón Muñiz Guerra, José Fernández Borrajo, Julio Francisco Ogando Vázquez, Francisco Domínguez Martínez, Manuel Rego Nieto, Eladio Quevedo Almoina, Emilio Rodríguez Portabales, Samuel Lago Fernández e Fátima María Malingre Grande. Os directores: Daniel González Rodríguez, Isolino Canal Freire, Antonio Jaunsarás Sanmiguel, Manuel de Dios Martínez, Álvaro de Dios Martínez, Javier Luis Jurado Luque, José María Santos González Álvarez, Juan José Rumbao Requejo, Jesús Alfonso González Selas e Xoán Antón Vázquez Casas. Os centos de coralistas, músicos, bailaríns, declamadores e actores que formaron parte de De Ruada en todos estes anos. Os Amigos da Coral, que nos axudaron economicamente e asistiron de xeito fiel e entusiasta aos nosos concertos. Tamén queremos agradecer -de ben nacidos é ser agradecidos- as axudas das institucións públicas, nomeadamente da Deputación de Ourense, e privadas porque sen as súas colaboracións non poderiamos desenvolver unha boa parte das nosas actividades.

Por todo isto, dende o máis fondo dos nosos corazóns, moitas grazas Ourense!

Contenido patrocinado

stats