La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Na nosa Galicia, os marcos delimitan a propiedade da terra, sinalan as fronteiras entre o meu e o teu, definen quen posúe que parcela de territorio. Pero hai outros marcos, invisibles e máis poderosos: os marcos mentais que determinan o que consideramos posible ou imposible, o que aceptamos como inevitable ou o que deberíamos esixir como transformable. Os sociólogos David Snow e Robert Benford teñen demostrado que as narrativas colectivas triunfan cando artellan tres dimensións de sentido, a saber, diagnose (que vai mal), prognose (como solucionalo) e motivación (por que actuar agora). Ourense precisa mover ámbolos dous tipos de marcos -os físicos e os conceptuais- se quere ter futuro. O problema é que levamos décadas cun marco mental que diagnostica ben pero renuncia a calquera tipo de prognose transformadora.
Na nosa provincia non faltan encontros, conferencias e debates sobre os grandes desafíos que enfrontamos: o “Acordo Rural” para combater o despoboamento, a pseudo-mesa de incendios anunciada pola Deputación trala desfeita de agosto, foros sobre dixitalización ou transición enerxética. En cada un destes fitos repítese un inquietante patrón que pasa por facer diagnósticos acertados, multiplicar exemplos doutros territorios e verter fórmulas coñecidas que na teoría funcionan. E logo, case nada. En conversas con profesionais da extinción e prevención dos lumes sorprendeume constatar que todo está falado, que as fórmulas salvadoras están ao dispor dos decisores e mesmo as leis en vigor son boas. Tan só falta aplicalo! Velaquí a clave. Na fenda entre o saber e o facer medra unha inacción que reflicte a asunción estrutural de que os ourensáns estamos condenados.
Esta narrativa fatalista converteuse no marco mental dominante que condiciona toda decisión política sobre a provincia. Cando o presidente da Deputación reivindica nun congreso sobre despoboamento a recuperación das frecuencias do AVE na Gudiña mentres hai aldeas sen médico, sen transporte público e sen internet, máis aló da oportunidade para Menor de pregarse aos ditados de Génova, estamos diante da priorización do simbólico sobre o urxente. Cando trala catástrofe dos lumes que devastaron a provincia o pasado agosto organizamos unha “Mesa de incendios” sen interaccións físicas entre quen poden aportar e sen plan específico para a recuperación das zonas arrasadas, estamos a xestionar o trauma sen curar a ferida. Administramos coidados paliativos para retrasar o inevitable en lugar de aplicar políticas susceptibles de reverter tendencias estruturais.
O desafío non é de descoñecemento, senón de vontade política. Sabemos que a sanidade rural require consultorios con atención diaria, non semanal. Sabemos que ocupación produtiva e a gandería extensiva son as mellores ferramentas de prevención de incendios. Sabemos que a estrutura da propiedade da terra bloquea calquera xestión forestal eficiente. Sabemos que sen transporte público nin conectividade dixital o rural non é viable. Todo iso está analizado, estudado, documentado en milleiros de artigos e informes que acumulan po en caixóns institucionais. Porén, esas análises non se traducen en políticas transformadoras porque operamos desde marcos mentais que asumen o declive como natural. Cando destinamos cincocentos mil euros de orzamento provincial para vivenda nunha provincia que sangra poboación, aplicamos tiritas onde se necesita cirurxía maior.
Urxen políticas verdadeiramente disruptivas que movan eses marcos e demostren que Ourense non está sentenciada. Iso require elementos que agora non temos. Por unha banda, vontade política real de antepoñer o urxente, de xeito que antes de comunidades enerxéticas haxa médico no consultorio e antes de congresos sobre transición dixital teñamos fibra óptica funcionando. Por outra, orzamentos proporcionais ao desafío, xa que se Ourense perdeu case 130.000 habitantes desde 1977, non podemos aspirar a reverter esa tendencia con programas marxinais. E finalmente, requirimos perfís con competencias estratéxicas que saiban navegar un contexto global onde os territorios compiten por atraer investimento, talento e poboación.
Dispoñemos de activos certos, como auga abundante, minerais estratéxicos, patrimonio termal único, espazos naturais preservados, perfís formados que emigraron e poderían retornar ou custos de vida competitivos. Converter activos en oportunidades require deixar de xestionar o declive e comezar a pensar o futuro estratexicamente. O desafío non é de recursos, senón dun liderado capaz de esixir á Xunta que cumpra as súas competencias, dunha Deputación que non sexa caixa de resonancia das consignas do partido, de institucións dispostas a priorizar capacidades sobre lealdades clientelares. Namentres nos resignamos a administrar o inevitable, hai territorios europeos similares ao noso que están a apuntalar o seu porvir con ambición e intelixencia. Mover os marcos constitúe un imperativo político para unha provincia que podería prosperar se alguén ousa crer que é posible.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último