Alfredo Conde
A TIRITA
O mundo segue xirando
A TIRITA
Contemplei o eclipse de hai unha semana e pico chantado ó pé desa vaga de mar, prodixiosa e oportuna, que se montou por riba de todas as que chegan ás praias do Orzán e de Riazor, grazas á visión dese arquitecto xaponés chamado Arata Isozaki, que a dispuxo ó pé mesmo das escaleiras que conducen ó Domus, segundo eu o entendo. Dígoo porque o mestre nipón afirmou que do que se trata non é dunha vaga de mar senón máis ben da vela dun barco, cando non dun muro protector contra os moitos ventiños mareiros que tanto sopran n’A Coruña un dia sí e outro tamén.
A contemplación previa do sol non me emocionou maiormente; millor dito, non me emocionou nada. De neno adoitabamos afumar cristais pra velo e logo, xa de home, contempleino a miúdo grazas os filtros do sextante disposto pra poder obter o ángulo que o distanciaba do horizonte náutico ó medio día e de aí poder deducir a situación do barco. Hoxe iso xa non é necesario: hoxe, esa posición, dácha un teléfono móbil sen maior problema. Morreu o arte de navegar.
Así que presenciei o eclipse chantado nas escaleiras do Domus coruñés. O máis probable é que non volva contemplar outro eclipse na miña vida e seguro que de suceder non me pillaría ó pé do Domus; pero, de se me presentar a ocasión de novo, faríao ou no medio do mar ou nun lugar da terra non frecuentado pola xente, por tanta e tanta xente como a que o contemplou dende a badía coruñesa e aplaudiu o espectáculo con tanto fervor como se o finado Pavaroti acabara de cantar un aria.
Eu agardaba un silencio litúrxico, sentir na pel o rolar lene do vento, un suave descenso da temperatura, a reacción dos animais voadores e o recollemento dos que andan por onde pisa o boi; en resume, sentir coma posible esa música dos astros, ese silencio cósmico que nos da idea da nosa continxencia, da nosa pequenez, desa breve estancia que fai que a vida sexa tan so un lene suspiro e unha esperanza. O que houbo foron aplausos. Só aplausos e maldicións contra unha nube que irrompeu dun modo intempestivo malia que non de todo imprevisto.
Terra, sol e lua seguen xirando mentres neste noso pequeno planeta habitado vemos desaparecer uns astros e aparecer outros
Son un ser afortunado, confésoo sen maior nin menor rubor. Contemplei auroras boreais, naveguei en medio de ciclóns, vin o raio verde en dúas oportunidades, bañeime nas augas de tres océanos, non podo pedir máis. Porén non podo esquecer que, os aplausos dos que lles falo, amoláronme a liturxia literaria que me acompaña na maior parte das ocasións todo ó longo da miña; amoláronme tanto que xa están vendo a miña reacción: poñerme a contarllo a vostedes como se así puidera quitarme un peso de enriba.
Tampouco non é mentira que lendo hoxe os xornais a cousa non daba pra maiores comentarios e que os títulos de non poucos artigos de opinión anunciaban digresións algo curiosas. Nun xornal serio, algúns foron tales como “Con el culo al aire” ou como “Por qué ya no enseñamos las tetas” ou estoutro de ”Reyerta cayetana en Marbella” que non daban pé a moitas divagacións, elucubracións e mesmo pra algúns dislates de agasallo. Dado o xornal no que foron publicados, cabe pensar que pasará cando a clase media teña desaparecido da escena social? Non resulta moi difícil imaxinalo.
O caso é que non quixera amargarlle o sábado a ninguén. Pra considerarme afortunado, tiven que facerme mariño e ver esas cousas que lles dixen antes. Ós quince anos participaba nun programa semanal que Radio Pontevedra emitía en idioma galego, grazas a elo perdín dous embarques porque a policía fíxome ir, día tras día, ó longo de dous meses e medio a recoller o pasaporte. Hoxe os rapaces viaxan caseque desde nenos e ven o mundo malia que non vexan raios verdes, auroras boreais ou sistemas de vida que antano sorprendían e hoxe xa a apenas e por coñecidos non lle din nada novo a ninguén.
Terra, sol e lua seguen xirando mentres neste noso pequeno planeta habitado vemos desaparecer uns astros e aparecer outros e, no entanto, vaise ir dando por concluída a nosa sociedade de clases, tal e como lle sucedeu á sociedade estamental e con ela o conxunto de valores que as fixeron non so posible senón mesmo necesaria. O mundo vai cambiando e, así, un eclipse non suscita reflexións senón aplausos e non pasa nada: o mundo segue xirando; que dure. Amén.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Alfredo Conde
A TIRITA
O mundo segue xirando
Itxu Díaz
Crónicas de verano
Con el corazón lleno de arena
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Embalses
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
Amodiño, que o bo está por vir
Lo último
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Espartaco
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 22 de agosto