O Museo Arqueolóxico de Ourense

Publicado: 02 may 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense constitúe unha das institucións culturais máis relevantes da nosa provincia e, sen dúbida ningunha, unha das máis destacadas dentro do conxunto dos museos provinciais da península ibérica. A súa importancia non reside só na riqueza e diversidade dos fondos que acubilla, senón tamén -para min, a razón sobranceira- na súa condición de depositario das pegadas que a historia foi deixando, século a século, no territorio ourensán.

A súa orixe remóntase a mediados do século XIX co nacemento do chamado Museo de Pinturas, promovido pola Comisión Provincial de Monumentos de Ourense. Aquel primeiro ente que agromaba tiña coma finalidade preserva-lo patrimonio artístico procedente dos conventos e mosteiros suprimidos pola reforma liberal progresista de 1836, a coñecida como Desamortización de Mendizábal. Este ente atravesou múltiples etapas caracterizadas por varios cambios de sede, dispersións e reunificacións dos seus fondos; unha sorte de “camiño do Gólgota” que alternou momentos de expansión con outros de crise.

A creación formal do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 1895, baixo o impulso do -por aquelas datas- omnipresente Marcelo Macías, supuxo un paso definitivo na dotación e consolidación dunha institución museística na Auriabella. A partir dese intre, foi integrando non só as coleccións pictóricas, senón tamén os importantes achados arqueolóxicos na nosa provincia, de xeito que se configurou coma un referente cultural na capital. Xa no século XX, despois dun novo camiño batuxado de incidencias, a consecución como localización definitiva do antigo Pazo Episcopal -un edificio de grande valor histórico e arquitectónico, símbolo do poder eclesiástico histórico na cidade e declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931-, permitiu dotar ó Museo dunha sede á altura da súa relevancia. Abriu por vez primeira en 1953 co gallo da celebración do III Congreso Nacional de Arqueoloxía en Galicia, cuxa sesión inaugural desenvolveuse en Ourense o 18 de xullo.

Coido que esta situación evidencia unha absoluta falta de compromiso por parte do Goberno central con Ourense

Durante moitas décadas, esta institución desenvolveu un labor fundamental de conservación, investigación, análise e divulgación das pegadas do noso pasado. Un traballo no que participou de forma activa un abano de figuras clave da cultura galega e do galeguismo como Florentino Cuevillas, Vicente Risco ou Ferro Couselo; refírome ó chamado Grupo Marcelo Macías, creado en 1940, cuxo traballo contribuíu á comprensión e valorización do patrimonio histórico de Galicia.

No ano 2002, o Museo pecha ó público por mor dun proceso de remodelación que, lonxe de se resolver nun prazo razoábel, foi acumulando atrasos e paralizacións até chegar á situación actual na que o Goberno do Estado, anuncio a anuncio, nos condena a unha manchea de incumprimentos e prórrogas sucesivas. Se con Aznar e Rajoy o proxecto se impulsou, con Zapatero e Sánchez entrou en senllas vías mortas. A cuestión é que en 2022 –suposta data de entrega do Museo á Xunta de Galicia-, apenas se executara unha pequena parte das obras previstas. A isto temos que engadir que as previsións que se nos foron anunciando posteriormente -unhas veces o Goberno, outras senadores- tampouco se cumpriron, manténdonos ós ourensáns sentados no patio de butacas dun cinema da incerteza mentres asistimos a unha representación burlesca.

Coido que esta situación evidencia unha absoluta falta de compromiso por parte do Goberno central con Ourense; unha aldraxe máis a engadirmos á longa listaxe de discriminacións que estamos a sufrir como provincia. En consecuencia, coido necesario que esixámo-la finalización das obras e o cumprimento dos compromisos adquiridos. Trátase da demanda lexítima dunha sociedade, a ourensá, que leva anos agardando pola recuperación dunha institución fundamental para animar unha vida cultural (e turística) afogada polo inquilino da Praza Maior.

Contenido patrocinado

stats