Na praza, un hotel termal

Publicado: 29 mar 2025 - 01:36 Actualizado: 29 mar 2025 - 01:36
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Na prensa destes días vexo varias noticias que me chaman a atención e que me fan concibir esperanzas de que as augas -quentes- volvan ao seu rego, coa idea de que debaixo do histórico bafo da burga, veña unha chea de éxito que empate coa razón de ser da orixe da cidade. Leo da constitución dun grupo de investigación e reflexión, con vontade expresa de “contribuír ao desenvolvemento do termalismo e propiciar o aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos de Ourense”, chamado “Agora Termal”. Vexo nel xentes de boa vontade e competentes e espero que lles vai ben.

Por outro lado, leo que o representante dos praceiros -os inquilinos da nosa Praza municipal da Alameda- pensa que “a obra por fóra é moi bonita pero non quedou funcional”. E leo que o alcalde rompe as negociacións para completar as obras e a volta dos inquilinos. E non me parece nada mal ningunha das dúas cousas. Porque as crises son oportunidades.

Vamos ver. A praza é unha propiedade municipal plena cuxa “casca e estrutura” foi restaurada de forma que quedou preciosa. Pero de momento, é o que é. E se non lles vale, e non está nin empezada a súa adecuación a servizos da praza, pois aínda está a tempo o dono, e cumprindo todo o que teña que cumprir de compromisos legais, de decidir outro uso distinto ao que queren os vellos inquilinos, tan xenerosamente expatriados. E tamén creo, como moitos cidadáns e, seguro, moitos praceiros, que a Praza está funcionando moito mellor no seu emprazamento provisional actual que no anterior. O ter a parada do bus na mesma curva de nivel, a facilidade de acceso, etc. favoréceos. Obviamente, a Alameda no seu conxunto perde espazo “vivible”, pero tamén é certo que hai moitos menos nenos e vellos para enredar nela. As cafeterías, desde logo, tamén as vexo encantadas da situación actual.

E onde metería aos praceiros? Pois miren, a zona do rianxo é unha porquería terceiromundista, incompatible con calquera uso moderno e razoable

A torre Eiffel, construída en 26 meses e cinco días -e non miro para Copasa nin penso nas obras do Museo- rematada o 31 de marzo de 1889, era como sabemos todos, unha construción provisional para a Expo Universal dese ano... e aínda segue aí. Porque se o provisional funciona, parece tendencia natural, deixalo estar... Unha posibilidade para este caso... aínda que vexo unha mellor alternativa e plenamente compatible co uso termal razoable para o vello edificio da Praza. Imos de vagar. Obviamente, as instalacións termais teñen que estar no entorno da burga coma sempre foi porque alí hai auga quente a rangalleira. Se outora foi a piscina romana, logo foron no XIX os Baños do Outeiro, a Casa de baños La Moderna, etc. Desbotada a ocorrencia baltariana de facer un hotel na Deputación, habería que repensar o uso deste lenzo baleiro que é a vella Praza restaurada. Creo que tanto custaría adaptala a Praza como a Hotel Balneario. E máis útil para a cidade sería o segundo.

E onde metería aos praceiros? Pois miren, a zona do rianxo é unha porquería terceiromundista, incompatible con calquera uso moderno e razoable. E se se desmontase toda ela e se baleirase ata o nivel do paseo do Barbaña, habería máis espazo que na praza actual e poderíase articular un proxecto novo para unha praza nova, con aparcadoiro, en tres ou catro niveis, no que houbese un espazo reservado, tamén, para os do rianxo auténtico, de sempre. Ou sexa, as tres señoras ou catro señoras que seguen traendo os produtos das súas hortas. Incluso con espazo para máis delicatessen e produtos ecolóxicos e naturais... pero non para os intermediarios que compran verduras de fóra para vender alí. E esta nova praza municipal tería tres pisos ou así, a el terían “volta preferente” os praceiros vellos, e abriríase a posibilidade de que viñesen outros, e terían acceso desde o paseo peonil, desde a zona da Alameda, etc.

Non me teñen porque facer caso... pero tampouco o contrario. Pénseno.

Contenido patrocinado

stats