Na traxedia tamén hai clases

O AFIADOR

Publicado: 28 jun 2026 - 00:45
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Venezuela trata de remexer baixo os escombros do doble movemento sísmico rexistrado cando nacía o pasado xoves. A tarefa é hercúlea, xa que os danos son inmensos e a capacidade de resposta para salvar vidas a atender aos damnificados, moi escasa (e xa non falemos do restablecemento da normalidade). É unha mostra máis da natureza que, de cando en vez, nos recorda a febleza humana fronte á forza de fenómenos naturais desbocados.

Nunca é momento para un golpe desta índole, pero no caso concreto de Venezuela supón un castigo engadido ao inflixido polas políticas dos gobernantes nas últimas décadas. Empobrecemento da calidade democrática, corrupción rampante, eliminación de dereitos civís e esnaquización do tecido económico produtivo, foron engulindo pouco a pouco as capacidades dun país rico e mirrando unha clase media que foi perdendo entidade na mesma medida que aumentaban a pobreza e a falla de medios de todo tipo. Quedan a salvo as elites económicas -poderosas- e o exército de leales ao réxime que apoian o labor de control e represión das forzas armadas e do propio Goberno.

Coa ostentación do poder como único norte dos gobernantes, os resortes imprescindibles para dar soporte a unha sociedade avanzada e moderna, fóronse esvaendo na mesma medida que o poder foi facendo valer o seu propio interese sobre os da sociedade venezolana. Ás queixas das vítimas do terremoto poñen negro sobre branco a escaseza -ás veces, inexistencia- de medios para loitar contra a traxedia sobrevida e, moito menos, plans de anticipación a continxencias -neste, resulta difícil- ou de resposta inmediata nas medidas de atención e paliación dos efectos da devastación.

(No caso de Venezuela, a catástrofe produce unha dor especial na sociedade española e galega, pois históricamente foi país irmán que nas décadas dos cincuenta aos setenta -maiormente- do pasado século, contribuiu a mitigar a pobreza de familiares e paisanos nosos dándolles a oportunidade de traballar por unha vida mellor. Ese fluxo migratorio foi devecendo segundo en España melloraban as condicións de vida en semellante medida na que empeoraban en Venezuela, dando lugar á reversión da tendencia. Hoxe, son milleiros os venezolanos que conviven entre nós buscando o que o seu país lles nega, ao tempo que contribúen a dar pulo e vida, que tanto necesitamos neste país noso, hoxe acolledor).

Ademáis da conmoción polo sufrimento, o ocorrido desvela que ao marxe da magnitude da traxedia, as consecuencias son sempre peores nos países pobres ou sen medios. Un terremoto como o de Venezuela seguramente produciría moito menos dano e vítimas en Estados Unidos, Xapón ou Chile, que en Marrocos, Turquía, Haití ou Venezuela. Nas desgrazas, tamén hai clases.

Contenido patrocinado

stats