O Nadal: celebracións, nacementos e algo de historia

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 27 dic 2025 - 00:10

Portal de Belén na igrexa de Santa Eufemia do Centro.
Portal de Belén na igrexa de Santa Eufemia do Centro.

A Esta semana conmemoramos o Nadal. Pasaron case mil setecentos anos dende que o papa Xulio I propuxo, no s. IV, fixar o 25 de decembro para o nacemento de Xesús. Un decreto do ano 354 do papa Liberio, o sucesor, consolidou a efeméride. Estes días volvía sobre os ciclos festivos que Vicente Risco escribiu na Historia de Galicia de Otero Pedrayo de 1952. No primeiro dos tres tomos, don Vicente -como nos referiamos a el na Fundación Vicente Risco- materializaba a extensa labor etnográfica en máis de cincocentas páxinas, entre as que trata o ciclo do Nadal en Galicia describindo os costumes populares e as celebración litúrxicas.

A cea familiar da Noiteboa, por ser daquela vixilia, baseábase no peixe -quizais de aí o tradicional bacallau que aínda se consume-, e doces de varios tipos: a “sopa borracha” a con pan, viño tinto, azucre e mel, as torradas de pan mollado en leite fritidas en manteiga con azucre e, por zonas, amendoados de Allariz, bica de Trives, boleardos de Tui ou as encomendas de Baiona, todo acompañado con viño, só ou con mel, mistelas, hipocrás, augardente de herbas, etc. O turrón ou o mazapán tiveron introdución tardía, sobre todo a través das vilas e cidades. A Noiteboa era ademais unha data de especial evocación aos defuntos da casa, deixando comida para eles e brasas na lareira para que acudisen a quentarse. Era tamén comunitariamente importante a Misa do Galo, con orixe na Alta Idade Media.

No belenismo, Risco documenta que era costume “armar” o nacemento “...con Portal de Belén entre montañas cubertas de carriza, e nel, o Neno, a Virxe, San Xosé, a mula e o boi…”. A pouco que profundemos neste asunto podemos comprobar que existe un relato evanxélico sobre a escenografía primixenia. A pasaxe de Lucas 2:1-16 di que os pastores “...foron á presa e atoparon a María, a Xosé e ao Neno que estaba deitado no pesebre”. Esta pode ser a base compositiva dos nacementos contemporáneos, con sólidos antecedentes históricos que marcaron a difusión popular e as representacións modernas. Así, a mediados do século IV, aquel papa Libero -con pontificado entre 352 e 366- edifica a igrexa de Santa María a Maior. O santuario albergará, case un século despois, as reliquias da Santa Cuna, por iso tamén se chamará igrexa de “Sancta Maria ad Praesepem” -Risco facía notar que en Portugal o nacemento denomínase “presépio”-. Non en van, con Sixto III, papa entre os anos 432 e 440, esta basílica foi considerada na cristiandade un Segundo Belén, porque nela construíuse o Oratorio da Natividade, suposta reprodución fidedigna da gruta-pesebre do nacemento, edificada con pedras procedentes de Terra Santa. É máis, no ano 644 San Sofronio, Patriarca de Xerusalén, obsequiou ao Papa Teodoro I coa reliquia da Santa Cuna, o “cunabulum”. Séculos despois albergará o belén de Arnolfo di Cambio, acaso a primeira natividade artística coñecida na historia da arte e antiga representación da Natividade, do Belén moderno. É un grupo escultórico de mármore de Carrara que o Papa Nicolás IV encargou en 1291 este gran escultor e arquitecto. Non debemos esquecer a primeira escenificación dun Belén por San Francisco de Asís na cova de Greccio no nadal de 1223, ou os beléns napolitanos de Carlos III.

Amoréase a información e o espazo para plasmar negro sobre branco é reducido. Por iso remato case de forma abrupta, iso si, non sen antes desexarlles moi feliz Nadal.

Contenido patrocinado

stats