A necesidad de cambio... De actitude

Publicado: 04 jul 2026 - 00:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Isto da política é cousa curiosa e, ultimamente, bastante fea. A sociedade vive acelerada e hiperactuando, deixando cousas transcendentes polas inmediatas e confundindo valores como fama con importancia. Pero a política ten que ver menos coa marcha do país do que pensamos. E normalmente, a mal; sobre todo na erosión da convivencia social que é a clave sobre a que viñemos edificando o estado de benestar. E esta mala imaxe global fai que fuxa da política xente que podería ter, perdón, vocación de servizo, deixando oco aos aproveitados que a usan para promocionarse no social e no económico. Pero para vermos a relatividade da importancia da política, está Italia. De 1960 a hoxe houbo 70 gobernos. 43 deles entre 1981 e 2026. Case todos da mesma cor -DC, etc.- ata que a crise da Tangentópolis -Mani pulite- en 1992 varreu a I República e os partidos tradicionais -DC, PCI, PSI- e fixo exiliarse en 1994 ao presidente socialista Benito Craxi. E logo veu Berlusconi. E a economía? Pois Italia converteuse nun dos polos industriais e turísticos e Europa, un lugar ben atractivo e sedutor. Que a economía vaia ben non é unha medalla que se poida colgar ningún goberno. É máis, hai quen di que que non houbese un goberno firme por décadas en Roma, non veu mal para deixar as cousas ao seu aire.

E creo que o fundamental é que cambiemos de actitude. Todos. Se é complicado, é que é posible. Vamos ver. Cando se intentou a fin de ETA, todo o mundo quería que desenvolvesen as súas reivindicacións por métodos políticos. Era daquela que Aznar chamaba a ETA “Movimiento Vasco de Liberación”, e con xenerosidade achegou a 160 presos a cárceres vascas entre 1996 e 1999 e aínda falaba catalán na intimidade. Por iso, debemos vivir a normalidade da súa presenza institucional. Punto e aparte. Así pois, non hai que pedir perdón. Nin eles, nin os herdeiros de Julio Álvarez del Vayo, vello fundador do FRAP, nin os que foron ministros ou alcaldes en época de Franco. Nin os que fixeron a guerra nas checas ou nas claudias. Porque isto non vai de pecado ou relixión, senón de eficacia da vida política actual, tal como se decidiu na transición. E así, creo, que a alianza do PSOE e Bildu -ou con quen sexa- é lexítima e débese simplemente, contrastar nas urnas. O que parece raro é que o punto básico de diverxencia -a construción dun estado independente vasco coa superación do Estado español- non sexan abondos como para impedir esta alianza. Pero é só unha opinión, claro.

E algo moi semellante penso de Vox. Os deputados de Vox -centrais ou autonómicos- en absoluto deben ter consideración de “apestados” como tratan de promover desde os medios, incluso públicos. Non é menos lexítimo tratar de suprimir o estado das autonomías en favor dun único poder central -normalmente a esquerda foi máis xacobina-centralista cá dereita- que pretender eliminar ese estado central para crear estadiños ceibos. Como é lexítimo que traten de facer desde a lei e coa lei, os cambios normativos que desexen Por iso, calquera alianza de forzas políticas con eles, é perfectamente lexítima. Igual que con Bildu. Polo menos.

E creo que dada a tensión reinante deberían os cidadáns recuperar a palabra. Non vexo a razón de tanto reparo ás urnas coas previsións de Tezano. Ou é que alguén desconfía de que un doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, actúe máis en clave política ca técnica?

E si, non estaba de máis votar cando as previsións gobernamentais engánase tanto. Falaban de que no proceso de regularización de inmigrantes -benvidos sexan- habería 500.000 solicitudes e houbo 1.174.978, polo que a desviación é do 135%. Cun erro así e tal como están as cousas, mellor darlle a palabra á xente. Baixemos a crispación. Votacións. Repetición de goberno ou alternancia, son ambas consubstanciais á democracia. E calma.

Contenido patrocinado

stats