Neira Vilas, un grande acerto

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Creo que a decisión da RAG de dedicarlle o Días das Letras do ano 2027 a Pepe Neira Vilas é un grandísimo acerto. Non hai ningún outro autor da súa transcendencia “en reserva”. Curioso e significativo que os dous bestsellers da literatura galega -“O catecismo do labrego”, de Lamas Carvajal, e as “Memorias dun neno labrego”- leven o oficio da terra no título. Tamén, un acerto porque a festa ha durar dous anos, pois creo que as celebracións do 2027 terán continuidade no 2028; nese ano, o 3 de novembro, faría un século de vida. E unha cultura como a nosa, que tende a articular as súas festas culturais en base ao pasado, é moi de celebrar centenarios e efemérides. E mal non está se serven para coller pulo para choutar ao futuro.

E unha figura como o amadísimo Neira Vilas debe ser inspiración para todos no compromiso polo futuro da lingua que ha representar o Pacto pola Lingua que seica está a punto de facerse público.

Eu queríalle ben a Pepe Neira e a repunantiña da súa muller, Anisia. Tiñamos moitos coñecidos e incluso amigos comúns de América. El, por ter pasado a segunda das súas vidas en Bos Aires, entre 1950 e 1961, e ter organizado en medio das luces de neón e a bonanza económica naquela altura da Arxentina, mil lumes de vida positivos na inmensa colectividade galega (organizacións de fillos de galegos, festivais, exposicións, actividades de importación e exportación de libros, etc.); eu, por ter coñecido as últimas brasas, os últimos epígonos compañeiros seus, afogados na saudade das lembranzas remoídas cos ollos fixos no café Breogán por fronte do Centro Galego. (Falo de segunda vida, porque a primeira de Pepe fora na aldea de Gres, ao pé de Ponte Ledesma, entre 1928 e 1949, Galicia rural, tradicional, arcaica, atrasada; a terceira, na Cuba revolucionaria, entre 1961 e 1989, da ilusión comunista ao común e íntimo desengano; a cuarta, na Galicia avanzada, democrática e autonómica, entre 1989 e 2015, do seu éxito e recoñecemento en vida). E chámolle, con cariño, a case celanovesa Anisia “repunantiña” porque era unha comunista rosmona, pouco tendente a valorar todo o que este país lles deu no solpor das súas vidas e polo detalle que lles paso a contar. Lembro un día que veu Pepe dar unha charla aos alumnos da Laboral. Engaioláraos. E lembro como cando iamos saír no meu coche cara a Gres na viaxe de volta -o único que “cobrou”, como facía don Xoaquín Lorenzo- Anisia mandouno, no ton imperativo que usaba, ao asento de atrás. El fixera ademán de sentarse no asento do copiloto pois viñamos charlando ao chegar ao coche, e ela ordenoulle tallante: “Ti pasa para atrás, que eu vou mellor diante”. Pepe olloume detrás daqueles lentes que lle facían ollos grandísimos, sorriume como sabía facer, e fixo o que ela dicía.

E unha figura como o amadísimo Neira Vilas debe ser inspiración para todos no compromiso polo futuro da lingua que ha representar o Pacto pola Lingua que seica está a punto de facerse público. O debuxo, segundo do Album Nós de Castelao -debuxado nos inicios das Irmandades e publicado nos inicios da II República-, representa unha estatua dun coloso sentado, pensando, que está sendo construída por un grupo de obreiros, dez ou doce, que soben por escadas e agavean por ela. O texto que o acompaña era un chamamento hoxe tan vivo como hai cen anos: “Non lle poñades chatas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela; hai sito para todos”. Pois iso, nun momento de volatilidade máxima do mundo, de cambios demográficos e culturais radicais, é preciso apertarnos todos na dirección que marquen as decisións colectivas maioritarias en favor da defensa e promoción da lingua. O nacionalismo non pode repetir o erro que foi oporse á Autonomía para logo gozar dela. Aínda que teñamos matices ou diverxencias puntuais, o que nos xogamos é moito. Creo que Pepe, coñecedor en vida de catro mundos distintos, querería que o seu Balbino e a súa lingua triunfasen, tamén, no quinto que está nacendo. Amores plurais, si, pero non con carraxes e rabuñaduras, senón con aloumiños. Posta a idea só no amor á lingua que nos fai ser nós.

Contenido patrocinado

stats