A noite da tradición

CASTELLUM HONESTI

Publicado: 27 jun 2026 - 05:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Aquela noite seguía a ser un templo sagrado da súa memoria; unha atalaia de vida e contemplación na que, durante unhas poucas horas, o tempo deixa de obedecer ás leis físicas que o rexen e a distinción cotiá entre pasado, presente e futuro se transforma, de socate, nun continuum irreversíbel, nunha densa mestura de historias herdadas, vivencias propias e emocións transversais compartidas. Solovio pensa nun espazo vital no que o transmitido polos devanceiros e o sentido por el mesmo, agora e sempre, non precisan de autorización para compartiren espazo. Deste xeito, a noite de San Xoán preséntase cada ano coma o limiar dun libro lido e relido, onde a conciencia histórica da familia -ese fondo de estirpe que vive impreso no seu adn-, se funde coa tradición dunha Galicia eterna, infinda, sagrada,... e perdurábel.

Noutrora, fora unha festa da tribo -ás veces, prefería falar de clan-, unha xornada na que a voz grave do avó Xoán presidía a mesa coa autoridade dun petrucio que dirixe o acto dende o seu escano de paterfamilias. Porén, hoxe, sen renegar endexamais dese pasado, a noite adquire unha dimensión máis individual, máis íntima e, sobre todo, mais reflexiva. No seu interior, Solovio asume como dogma que, aínda que os ritos poden mudar na forma, a esencia sempre se mantén impoluta a través da posibilidade de dotármo-la dun significado vivo e real. Por iso, celebrar aquela noite era para el, alén da cuestión onomástica, o exercicio máis acaído para lembrar ós seus devanceiros e unha forma de ama-la tradición galega, sen reservas, sen límites.

Nesa data especial, os mitos superan a capacidade analítica e cuadriculada da razón até presentarse coma expresións dunha linguaxe ancestral que segue a falar, leda e nidia, no espírito dun home moderno. O lume, a auga e o ar, no papel de arjés fundacionais, maniféstanse baixo a forma de símbolos prístinos dunha orde anterior ás palabras que el escribe hoxe e que se mantén viva na súa sentida alma galega. Salta-la fogueira, imaxina-las ninfas dos ríos, escoita-lo ouveo do lobo ou evoca-las mouras gardiás dos tesouros, imaxinados ou non, son ritos que non concibe coma supersticións; mais ben, constitúen o recoñecemento explícito dunha herdanza espiritual que non se extingue.

Solovio percibe naquela cativa noite, a menos nocturna do ano, que o sol reclama o seu dereito ancestral a goberna-la terra e ós homes, anulando por unhas horas o doce e meloso imperio da lúa. Unha vitoria simbólica da luz que lle permite pensar que a auto purificación é posíbel por que non precisa da absolución allea; por este motivo, a el chégalle co silencio, cun viño compartido consigo mesmo e coa disposición a mirar cara si con valentía, sen reparos, sen medo.

Desde a súa terraza ourensá, convertida nun castellum honesti, o home exerce un patriotismo íntimo e silandeiro que non necesita de proclamas nin bandeiras; abóndalle coa certeza de que Galicia viaxa canda el e con cada galego consciente de seu, alá onde estea. Esa patria interior feita de historia, cultura, lingua, lembranzas e emocións, era a que Solovio celebraba mentres abría unha botella de ribeiro reservada para as ocasións que merecen seren tratadas con respecto.

Baixo o influxo dunha noite vivida intensamente, o maxín levouno cara a ela. Pensouna libre, luminosa, leda, bailando entre as nove ondas da Lanzada, símbolo dunha fecundidade que transcende o físico e faise lenda. Mais tamén a sentiu afastarse e erguer muros de racionalidade nos momentos de maior intensidade. E nesa tensión entre o desexado e o posíbel, Solovio recoñeceu unha das maiores verdades da súa existencia: o amor fondo deixa pegadas que aseguran a súa permanencia durante toda a eternidade.

Coa chegada do amencer, Solovio reafirmou a súa vontade de seguir pertencendo, de seguir amando e de seguir buscando a luz; mesmo nun mundo que, teimudo e perverso, insiste en ofrecernos só sombras.

Contenido patrocinado

stats