Que non nos mintan

Publicado: 26 nov 2026 - 03:10

Mexan por nós e seguimos dicindo que chove. Estes días de profunda “tribulación”, veume á cabeciña que sería bó facer pública unha das miñas reflexións, persoais e intransferibles, nesta ocasión sobor de algo que acontece sempre, en cada unha das campañas políticas, cada vez que se anuncian unhas eleccións e que os cidadáns consentimos e incluso chegamos a normalizar, seguramente de xeito inconsciente. Imos alá:

Todos os cidadáns temos a oportunidade -diría mellor, a obriga- de manifestar o noso sentir a través da nosa participación na elección daquelas persoas ás que os partidos políticos presentan nas súas listas, para os distintos envites electorais: municipais, xerais, europeas, ou galegas. Igualmente todos os cidadáns “deberiamos” ser quen de ollar os distintos apartados dos programas cos que se presentan esas formacións políticas ás eleccións, para deseguido, depositar o noso voto en favor de aquel programa e formación política que cada un de nós entendamos como o máis axeitado ao noso entender as cousas da vida. Pero tamén é certo que, de igual maneira, as formacións políticas e as persoas que as representan (e que se dirixen a todos nós pedíndonos o noso voto), “deberían” ter a obriga de dicirnos a verdade do que van facer e reflicten nos seus respectivos programas electorais. Dixen ben: “deberían”, porque en realidade o que nos din que van facer, é aquelo que nós queremos escoitar; dito doutro xeito, dinnos o que faga falta dicir para conquerir o noso voto.

Xa sei que sempre vemos a palla no ollo do outro e non somos quen de ver a viga no noso, como di o refrán

Por eso podo entender, pero non compartir, que os cidadáns sexamos conscientes desta situación e non fagamos nada para evitalo, porque pouco ou nada podemos facer. O que non entendo e négome a entendelo, é porqué os medios de comunicación e os profesionais que traballan neles, permiten estes feitos e non os denuncien...

Xa sei que sempre vemos a palla no ollo do outro e non somos quen de ver a viga no noso, como di o refrán. Pero insisto en preguntar e preguntarme como é posible que sigamos escoitando... pois xa sabemos que as cousas que os políticos din e prometen en campaña ao final nos as cumpren. Como pode ser posible que, sabendo isto, fagamos oídos xordos elección tras elección, e sigamos permitindo que nos mintan. De verdade que non nos decatamos de que nós, os cidadáns de a pé, os simples mortais sen escano, só temos unha posibilidade cada catro anos? Unha soa! para poder cambiar as cousas e decidir que futuro queremos para nós e os nosos fillos.

Temos que chamarlle as cousas polo seu nome: ao pan, pan, e o viño, viño, e esixirlle aos nosos políticos que non nos mintan! pois se non o facemos así “seguirán mexando por nós e seguiremos dicindo que chove”.

Contenido patrocinado

stats