Arturo Maneiro
Lucha intestina en el PSOE
Aqueles que abriron camiños, que marcaron lindes, que gabearon os eidos, sacharon as terras e enterraron nos regos as sementes. Os que guiaron as aguas, domaron ríos e construíron fontes, pozos, minas, veas das que bebían a xente e o gando. Donos das leiras e as eiras, amos do piar dos paxariños. Bailadores e cantores adorando as cepas que sangran viño novo.
Colmeas e cortizos, para darlle ós bicos mel. Faiados e fiadeiros. Aqueles que peneiraban coa forza do vento en contra, para separar o gran da palla. Repicadores de campás na dor e o loito, na festa e na procesión, nos lumes e o socorro. Os que plantaron as árbores que hoxe gozamos, as que chantaron sendo un pauciño, pero que despois de longos anos serían madeira, cobixo de boa sombra, castaña que estrala na fogueira ó mesmo tempo que eles botan o aturuxo. Soutos e castiñeiros escoitaron os seus contos e os seus laios. Herbiñas miúdas foron cada un, mais herba namorada. Cada humilde folla pode ser casa de vermes que fertilizan, pulpizo enriquecido criador de humus, xoaniña de Deus que ha comer o vicho malo para que trunfen as flores.
Aqueles seres foron a luz na noite dos tempos
Todo parece sinxelo para existir se non medimos sacrificios: o frío galaico, os enfermos e os velliños, os fillos que hai que alimentar. Os tormentos e dificultades, a emigración. Incansables, invencibles, rexos, fortes, valerosos. Cada un coa súa navalliña no peto para xantar no monte, coa aguillada ou co sacho, coa machada e a fouce. Ir e vir limpando sendeiros, e no cinto do pantalón colgado o corno da vaca onde gardar a lixa para afiar todo aquello que se poña romo. Filosofía en estado puro. Cada acto define a vida. Liñas brancas sobre o negro cartafol. Aqueles seres foron a luz na noite dos tempos.
-Meu corazón, habemos vivir aquí, este será o noso lar. Leña ó lume, caldo ó pote, fillos a esgalla e a lúa sobre nós.
Seres cheos de máxia e de misterio. Todo o noso pasado. Todo era. Todo foi. Todo foron. Agora que xa non están lanzan o seu berro ancestral cun mensaxe encriptado.
“Sede coma nós. Sede sede. Vivir é o gran trofeo. Non hai nada máis. Nada máis busquedes. Facede do amor o voso pan de cada día, filliños nosos. Seguide rezando, seguide pensando en nós que non morremos. E pedídelle ás animiñas que vos esperten cando sexa a hora . Orade e ride. Cantai e bailai por nós. Dende o Alén é máis grande todo e nada se pode comparar co que nos quixemos”.
-Están chorando, Manuel, ou non os ves?
-Deixa que choren, muller, so as bágoas saben falar do invisible.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último