Por un novo imposto (TTC)

Publicado: 15 nov 2025 - 00:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O mundo cambia e nós, de xeito individual e colectivo, debemos facelo con el. Doutro xeito seremos “remoras” -eses peixes que se pegan a outros peixes ou aos barcos e os frean- do pasado. Así tamén desde o punto de vista normativo da vida nas cidades as Ordenanzas Municipais -recollidas en libros desde a indicación dos Reis Católicos en 1501- vanse adaptando aos tempos. Se nas de 1562 -segundo sinala Francisco Sandoval nun traballo sobre as mesmas, no nº 38 de Fronda, “folla voandeira” do Arquivo Histórico, - se ordenaba que os taberneiros e viñateiros non mesturasen viños de distintas clases e se establecían penas para os que tal fixeran, multa e vergoña pública, hoxe non tería sentido por haber outras instancias que se ocupan do tema. Tampouco é preciso prohibir baleirar bacenillas desde as ventás das casas, nin prohibir matanzas de porcos na vía pública. Así, claro, as ordenanzas hai que actualizalas permanentemente porque son de cousas vivas. Creouse o imposto de circulación de coches, por exemplo, e extinguiuse a prohibición de entrar con carros de vacas á cidade. E eu pregúntome se é hora ou non de crear un novo imposto municipal para unha nova realidade. Resulta que antes había poucos cans e agora hai moitísimos. Antes eran animais domésticos que cumprían unha función: gardar as propiedades e o gando, colaborar na caza, acompañar cegos, facer compañía ás persoas... E todo dentro da normalidade. Agora, como vostedes saben, “ascenderon” e están mimados como en Inglaterra, onde “levar unha vida de cans” sempre tivo unha lectura positiva. E así comen de supermercado -sobre un par de euros ao día cando menos- levan vestidiños de Zara, Decathlon ou, incluso, de Ralph Lauren. Xa nin se pode dicir iso de “Un home é un home e un can un bicho”, porque, se cadra, inda te denuncian. Seica din que son da familia. En fin. Paréceme ben, por suposto, que cada un faga o que lle pete. Pero creo que inda que fose polas molestias e gastos que nos ocasionan -de ladridos, pises, cacas, a parques caninos- pois os que os teñen, deberían cotizar por eles. Nesta Galicia na que case non hai nenos -fálase de “perrhijos” ou “gathijos” para eses mimados substitutos- hai 740.469 cans rexistrados (e 80.977 gatos). Se lle botamos un imposto digamos que de cen euros ao ano, teríamos máis de 74 millóns de euros para algo útil. Só en Ourense cidade hai 18.517 can rexistrados, multiplicados por cen, daría 1’8 millóns de euros para as arcas municipais. Non estaría mal.

Manolo Rivas sacou o libro “Un millón de vacas” -as que había daquela- en 1989, e hoxe quedan pouco máis de medio millón de vacas leiteiras. E delas, en Ourense só 1.564, fronte ás, por exemplo, 148.697 de Lugo. O mundo cambia. E eu, en fin, non vou animar á xente a que meta vacas no piso como animal de compañía, pero si que me atrevo a animalos a que teñan nenos en vez de cans. Porque cada vez que vexo unha parelliña nova turrando dun cadelo, levándoo no colo e facéndolle aloumiños, penso nun cariño bastante mal dirixido. Creo que mellor irían cun filliño. Xa sei que é máis responsabilidade pero sempre foi peza fundamental das relacións humanas, dos proxectos vitais en parella, a formación dunha familia e a cría e educación conxunta dos fillos, con xenerosidade, intensidade e compromiso. Sen nenos, non hai futuro. Os cans, non son substitutos, son un luxo posible pero non van mirar por nós de vellos nin pagar impostos por nós. Se cadra conviña que empezásemos a pagar por estes animais de luxo.. Sería beneficio de todos. Eu quero que o investimentos dos meus impostos vaia para os meus semellantes humanos, pero non para as súas mascotas. Que paguen unha TTC (Taxa por tenza de cans), pareceríame lóxico de todo.

Contenido patrocinado

stats